Archive for the Category » Literatura «

sábado, marzo 13th, 2010 | Author: Mr Tichborne

Eu son lector antes ca escritor. Podo deixar de escribir, de feito estiven perto en moitos momentos da miña vida, mais nunca vou deixar de ler. Deixei de ler unha vez, e iso non se vai volver repetir.

Eu lía moito na infancia e na primeira puberdade, libros axeitados para aquela idade, e outros non tanto, cómics, todo valía. Mais logo contraín unha grave enfermidade mental chamada adolescencia e as lecturas quedaron arrombadas a un lado. Cando curei, xa nos anos universitarios, os libros volveron, moitas cousas novas chegaron, entre elas o pracer de compartir lecturas con quen amas, logo collería un bolígrafo de 35 pesetas e torturaría un caderno vello coas miñas pallas mentais. O amor saíuse nalgunha curva que deu a vida, mais as páxinas escritas e lidas permaneceron. E unhas cantas, e das poucas que hoxe non me causan arroibo, era Miguel Delibes.

Fascinoume. Baixo esa sequedade, estereotípica dos casteláns, e discursos de caza que repudio agachábase unha mirada á vez dura e tenra sobre a inxusta sociedade que lle tocou vivir, a España partida da posguerra. Sen barroquismos nin artificios, mais cunha humanidade que o impregnaba todo, nesas viúvas fachas, orfos, pobres, diminuídos psíquicos como o inesquecible Azarías ou xubilados aborrecidos. Marcárame o seu libro máis distinto e sentido, Señora de Rojo sobre Fondo Gris (mercado a cen pesetas nun Simago), dunha sentimentalidade autobiográfica case pornográfica, sobre a súa propia dor e lembranzas da súa falecida esposa Ángeles. Pero cada quen terá o seu favorito. O digo desde a culpabilidade, porque debe de haber unha década que non lin nada máis do de Valladolid. Mais quedaron Cinco horas con Mario, La sombra del ciprés es alargada, El Camino, Los Santos Inocentes...

E a lingua. Non era ese castelán de cartón que se oe na nosa terra, porque podemos falalo, e ben, pero non amalo, non é algo de noso. Delibes era castelán e esa era a súa lingua, de seu, e a dominaba e ela o dominaba a el, saíalle de dentro. Quixera traballar coa miña lingua como Miguel traballaba coa súa.

Entendible por outra parte, mais triste, o pouco predicamento que ten como escritor no noso eido cultural, inmerso nun conflito lingüístico, pero menos no seu propio da lingua española, sempre respetado mais pouco honrado, se cadra pola súa falta de adscrición política neste tempo de branco e negro, comigo ou contra min. E esta é unha opinión moi personal, mereceu levar o Premio Nobel máis ca moitos outros.

La hoja roja debe o seu título ós libriños de papel de fumar. Cando restaban só cinco ou dez papeis, saía unha folla vermella, un aviso de que o libriño estaba a piques de rematar. Na novela do castelán, protagonizada por un xubilado, era unha analoxía dun aviso da morte, da fin. Ó autor saíulle a folliña vermella cando superou, xa a idade avanzada, un cancro, do que saíu vivo pero que matou ó escritor, como conta el mesmo sen laiarse nas súas palabras de despedida. Pasou os seus últimos anos lúcido mais sen escribir. Esta semana Miguel marchou, mais as súas páxinas, os seus personaxes, quedaron. Boa viaxe, mestre. Saúdame a Benedetti, se o ves.

A fermosa imaxe é de Vergara, esta é a fonte.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Category: Literatura  | 3 Comments
sábado, febreiro 27th, 2010 | Author: Mr Tichborne

Estou dándolle á poesía en alemán, ben para alimentar o espíritu coa lírica de onde vivo, ben para desenvolver un pouquiño as miñas capacidades no idioma xermano. Entre clásicos (Enzensberger, Rilke, Storm) descubro os poemas menos coñecidos de Nur die gestürzte engel haben geduld (Só os anxos caídos teñen paciencia) de Harald Grill, poeta bávaro contemporáneo. Atrévome a traducir dous deles e poñelos aquí, espero que non me demande. Ou polo menos, para que tras googlearse a si mesmo atope poemas seus traducidos a unha lingua estraña e, agardo, sorría.

Die alte Mühle (Stilleben vor dem Heimatsmuseum)

von steinernen strahlen gefurcht

zwei ausgesteuerte mühlsteine

eine sonne gelehnt an die andere

zwei die schon lange verheiratet sind

was wäre einer ohne den anderen

aber nichts mehr wird zerrieben zwischen ihnen

in der nacht können sie nur noch

die wärme abgeben

die sie am tag empfinden

O muíño vello (bodegón diante do museo etnográfico)

enrugadas por raios pétreos

dúas moas de muíño engrenadas

un sol apóiase no outro

dúas que xa levan tempo casadas

que sería da unha sen a outra

pero xa nada é moido entre elas dúas

á noite só poden

desprender a calor

que recibiron durante o día

Muíño

(Sen título)

willst wissen was das ist / die seele / ein kleiner schmerz / der dich nicht ganz verläßt / ein kleiner schmerz / der durch die körper wandert / wie der lichtstrahl einer taschenlampe / leuchtet er die dunklen winkel aus / in die du verkrochet hast / dort wo du in dir / nicht mehr aufrecht stehen kannst / und dich abwenden wilst / dort leuchtet er dir ins gesicht

queres saber que é iso

a alma

unha pequena dor

que non te deixa de todo

unha pequena dor

que che atravesa o corpo

coma o raio de luz dunha lanterna

ilumina os escuros currunchos

onde te agochas

alí onde ti

non te podes manter dereito,

e queres apartarte

alí te ilumina ela na cara

A foto tomeina no conxunto etnográfico dos Batáns do Mosquetín, en Vimianzo.

P.D.: Os meus agradecementos ó autor, Harald Grill, que accedeu á publicación dos seus poemas.

Meine Dankbarkeit zu Herrn Harald Grill, der erlaubt hat, dass diese Gedichte hier veröffentlicht werden.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
luns, febreiro 08th, 2010 | Author: Mr Tichborne

"I'm an alcoholic. I'm a drug addict. I'm homosexual. I'm a genius." Truman Capote.

Vía Cabaret Voltaire descubro unha magnífica galería da revista LIFE onde repasa escritores senlleiros con tamén senlleiras adiccións (sobre todo alcohol, sen desbotar outras drogas), á parte da súa maior e máis forte adicción (engado eu): escribir.  Céntrase en escritores anglosaxóns, esquecendo os doutras culturas, coma o drogadicto Baudelaire, ou outras adiccións, coma a do ludópata Dostoievsky. As fotos son do arquivo de Life, ou sexa, magníficas. Visitade o enlace se queredes ler os pés de foto, algúns verdadeiramente imprescindibles.

Enxergo dous grupos: os que fixeron da intoxicación o seu eixo de vida e obra (Hunter S. Thompson, Bukowsky) e os que non, pero que malia a súa terrible adicción desenvolveron unha obra enorme en calidade e cantidade sen resentirse a súa capacidade de creación por iso (Scott Fitzgerald, Willian Faulkner). Outra cousa foi a súa saúde. En todos os casos, se non bebesen ou se drogasen tanto, ¿terían escrito igual de ben? Mellor, peor? A súa vida sería diferente, e daquela a súa obra tamén. Vós que pensades?

Vexo a aposta e súboa a escritores e músicos que cometeron suicidio (faltan tamén algúns, como Sándor Márai). Coñecedes máis exemplos de escritores adictos e/ou suicidas? Músicos famosos adictos non, por favor, hai tantos que se petaría a páxina.

Nota: Incrustei a galería nesta postaxe, mais non son quen de vela publicada. Se vos pasa o mesmo, visitádea a través da ligazón do comezo.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Fotos, Literatura  | 6 Comments
sábado, xaneiro 09th, 2010 | Author: Mr Tichborne

442-17582-a-PEDRON

Antes de nada, Feliz Ano 2010. Agardo que sexa mellor có 2009, eu estou seguro que no meu caso así será. Poñerei da miña parte para que iso aconteza.

O libro do cal a capa ilustra estas liñas foi publicado por Ediciós do Castro e recopila os contos gañadores do Certame Modesto R. Figueiredo do 2004 e 2005. Xa falara del nunha ocasión, porque malia non ser premiado en devandito certame, o meu relato Inventario de Nubes foi distinguido cunha mención para a súa publicación, cousa que lle agradezo á Fundación do Pedrón de Ouro, e incluído neste xeitoso volume.

A cousa é que neste Nadal, case tres anos despois, chegou o volume ás miñas mans. Ou non mo enviaron ou o fixeron ó meu antigo enderezo, o caso é que non puiden dispor del ata hai pouco grazas a xestións do Romeiruga e previo paso por caixa.

Cando me dispuxen a lelo vin que, á parte de ser rebautizado como Vicente Castiñeira na reprodución das actas do xurado (non no resto do libro), faltan páxinas. Gosto moito das imperfeccións e os fallos editoriais, polo que non o tomei demasiado mal. Faltan seis páxinas, catro delas polo medio do meu conto, o que amola unha lectura coherente, e dúas no seguinte, o de Xosé M. Dopazo Mella, o que me amola aínda máis, xa que o meu relato xa o lera, o de Dopazo non. Esas seis páxinas aparecen en branco, de dúas en dúas, seguindo o texto de xeito normal trala mutilación. Con todo, disuadín a Romeiruga de que o trocase na tenda, paréceme curioso ter libros defectuosos.

A pregunta é, no improbable caso de que este volume chegase ás vosas mans ou andeis: no voso exemplar pasa o mesmo, ou o meu é unha peza única? Coñecedes máis erros de edición parecidos? Eu agora lembro un nunha edición en castelán do Ensaio sobre a cegueira de Saramago, no que (spoiler) uns trasnos moralistas curtaron a escea da violación masiva das cegas.  O mundo é imperfecto, brindemos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
domingo, decembro 20th, 2009 | Author: Mr Tichborne

A literatura e o fútbol, ambos amantes da traxedia e a esaxeración, teñen moitas interseccións e puntos en común. Moitos escritores deste século e o pasado se ocuparon de dignificar o fútbol, como Eduardo Galeano ou o Febre nas bancadas de Nick Hornby, ou os magníficos artigos de Enric González, algo máis que xornalismo deportivo. Mesmo Borges e Cortázar fan ó fútbol presente nas súas páxinas, máis como fenómeno social ca como deporte ou entretemento.

djukic

(Fonte da imaxe)

Non hai que ser coruñés nin do Depor, coma min, para lembrar o final da Liga do 1994, o mundo deu unhas cantas voltas mais non tantas para que todos aqueles feitos quedaran gravados. Situación: o Deportivo, un equipo modesto que ascendera había dous anos, chantouse no último partido de liga como líder do campionato. Detrás, na táboa clasificatoria, aquel temible FC Barcelona, o Dream Team adestrado por Johann Cruyff. O abraiante conxunto galego comandara a táboa boa parte do campionato, mais nas últimas xornadas os cataláns recurtaran a súa avantaxe ata un só punto na última xornada.

Todos lembramos o que pasou. O Barça gañou o seu partido e obrigaba ó Deportivo a vencer o Valencia. Este non se xogaba nada deportivamente en Riazor, pero corrían todos como endiañados: viñan primados con cartos cataláns para non perder, once monigotes espetados diante da portaría, un frontón de histeria durante noventa minutos. Chegouse cun angurioso 0-0 ata a final, onde de súpeto se pitou un penalty a favor do Dépor. E todos sabemos o que pasou. O encargado de tirar os penaltys, Donato, estaba fóra do campo, o segundo, a estrela Bebeto, escaqueouse e tocoulle ó Djukic. Feito un monllo de nervios, o iugoslavo tirouno contra o arqueiro do Valencia, González, que o celebrou como se gañase a copa do mundo cun paradón, debían de ser moitos cartos.  (Se tedes afán de documentación e/ou un masoquismo  extremo, aquí un audio do momento). E logo, todos a chorar. Todos choramos.

Todo este momento tráxico seduciu a un dos mellores escritores en castelán de hogano, Julio Llamazares, para escribir este contiño que atopei o outro día, Tanta pasión para nada, no magnífico blog Los cuentos de la pelota, onde se exploran estas encrucilladas entre o fútbol e a literatura. Difícil non ser seducido pola historia, como el mesmo explica, "El fútbol es un drama". Coido que o tema tamén o tocou, como non, Manuel Rivas, se cadra podedes axudarme sobre onde e como.

Recoméndovos a súa lectura, sobre todo ós que non vos interesa este deporte. Eu tan só quería comentar a miña visión da final da historia. O fútbol ten unha lei: se se perde algo de xeito inxusta, o fútbol pagarache esa débeda, tarde ou cedo. Aquela noite e as seguintes na Coruña tiven que oír moitas estupideces, como que "os galegos nunca gañaremos nada", somos perdedores, non merecemos erguer ningún trofeo.

Pois ben, o fútbol pagou as súas débedas. O Dépor vingouse do Valencia ó ano seguinte, na Final da Copa do Rei, un dos partidos máis bizarros que se lembran, interrompido por unha chuvia torrencial e saraiba e reanudado para xogar once minutos e, previsiblemente, a prórroga. Alfredo marcou aquel gol de cabeza neses once minutos e non houbo prórroga. Os galegos levantaban a copa, si, os galegos podían gañar. Anos despois, o Dépor gañaba o campionato de Liga do ano 2000. Era posible. Por iso me doe menos escribir sobre isto.

O máis curioso é que Miroslav Djukic, posiblemente o defensa con meirande calidade técnica que vin na miña vida, rematou fichando dous anos máis tarde polo Valencia CF.

Hoxe casualmente o Valencia visita Riazor e desde aquela eses son partidos especiais, malia ser a situación dos dous equipos bastante distinta á de hai tres lustros. Será tamén a orfandade de derbis co Celta de Vigo. Desfrutade do partido e do conto de Llamazares.

Remato o texto citando un dito arxentino, válido para o fútbol e a vida (pronunciar con acento porteño): "Los penaltis los fashan los que tienen los huevos para tirarlos".

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
martes, novembro 24th, 2009 | Author: Mr Tichborne

francastiñeira1

Xa vos falara da iniciativa de Proxecto Q, o I Certame de Microqontos. No blog destinado ó efecto podedes ir lendo os Microqontos participantes segundo vaian saíndo, de momento tres. O de hoxe é Violín Queimado, deste servidor que vos escribe. Se cadra máis adiante sairá tamén en Ningures.

As opinións e comentarios, no blog de acolá, neste de aquí ou en privado coa vosa almofada. Agardo que vos guste o contiño.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
venres, outubro 09th, 2009 | Author: Mr Tichborne

O noso peloteirismo non vai chegar a tanto como para felicitar a Obama polo seu Premio Nóbel, en recoñecemento ó detallaso de non ter iniciado polo de agora ningunha guerra mundial. Mais, indo isto sobre literatura e sobre peripecias en Alemaña, hai que felicitar á nova Premio Nóbel de Literatura, a alemá Herta Müller.

Herta_Müller_2007(Foto da Wikipedia)

Pódeseme acusar de oportunista e de indocumentado mais non de pedante, porque o admito: non, ata onte non sabía nada desta señora. O meu consolo é que moitos dos meus amigos alemáns, xente moi lida, tampouco a coñecen, de feito non era das favoritas ó premio. Cabe engadir que ten obra publicada ó galego (Brétemas).

Se me parece interesante a obra de Müller é porque está centrada nas súas vivencias persoais como cidadá de minoría alemá noutro país, neste caso Romanía. Un caso pouco coñecido por nós (e teño en mente á familia dunha amiga miña) é o das minorías de fala e cultura alemás fóra das fronteiras do Estado Alemán, en países como Polonia, Hungría ou a mesma Romanía, como xa retratara ben outro Nóbel alemán, Günter Grass, da súa querida Danzig, cidade de grande presenza alemá que hoxe pertence a Polonia e leva o nome de Gdansk. Ou o propio Kafka, falante e escritor en alemán no que hoxe sería a República Checa.

Estas minorías conviviron en paz durante xeracións durante a convulsa historia da Centroeuropa de fronteiras mutantes dos séculos XIX e XX. A II Guerra Mundial mudouno todo e estas xentes, encadradas agora nos países satélites da URSS, foron perseguidas por mor das atrocidades de Hitler, fosen simpatizantes destes ou non. Moitas víronse obrigadas a abandoar as súas terras (onde naceran eles e os seus devanceiros, por moito que non quedaran encadradas en ningunha das dúas novas Alemañas derrotadas e divididas). Un exemplo foi a propia Herta, que abandonou á súa Romanía por Alemaña, cansa da Securitate de Ceacescu.

No corazón de Europa e estudando un pouco a Historia un comprende que a pertenza a unha nación e a un pobo e cultura non ten moito que ver coa a adscrición a un Estado, unha bandeira e un documento de identidade, sempre cambiantes e non tan inmutables como pensamos. Como dixo a propia escritora, son escritora alemá porque escribo en alemán. Neste caso, a patria é a lingua.

ACLARACIÓN: Frau Müller é romanesa, así se sente porque neste país naceu e se criou. Mais sinto que non dixen mentira no título: é unha escritora alemá porque escribe en lingua alemá e a súa obra pertence á literatura alemá e non á romanesa, e en segundo lugar Müller tamén é alemá, reside en Alemaña e ten tamén nacionalidade xermana.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
martes, setembro 22nd, 2009 | Author: Mr Tichborne

pementoq1Se xa lestes as divertidas bases non sei a que estades agardando para participar! Microqontade algo!

P.D. A petición do organizador: como consta nas bases, saliento que o premio é "modestísimo" (sic). Mais, engado eu, isto facémolo para divertirnos. Quen queira gañar cartos fáciles (ou difíciles) con literatura galega vai moi pero que moi mal encarreirado. Dou fe.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
xoves, setembro 17th, 2009 | Author: Mr Tichborne

russendisko

Hai libros que máis que gustarche, cáenche simpáticos. E Russendisko (Disco Rusa) acaeume moi simpático.

O libro é un xeito de autobiografía irónica, do propio Kaminer e de varios compatriotas seus emigrados a Alemaña. Kaminer, ruso e xudeu, escritor, DJ, técnico de son e polemista, chegou a Berlín pouco antes da caída do Muro, por mor de que os xudeus da URSS tiñan permiso especial para emigrar á RDA. Pouco despóis desapareceron a URSS e a RDA e Wladimir quedou na nova Alemaña unificada. Russendisko é unha compilación de relatos sobre as vivencias do autor e de varios coñecidos rusos na nova terra de acollida, escritas con moito humor e ironía nun estilo moi sinxelo e lixeiro. As anécdotas son tan absurdas e cómicas que teñen que ser certas, sobre todo nesa inimitable colmea chamada Berlín.

Hai que salientar ademáis que Kaminer escribiu o volume orixinal en alemán e non en ruso, a súa lingua materna, polo que se gaña a miña admiración. Véxome incapaz de escribir algo de valor literario en alemán nos próximos dez anos nesta terriña: unha cousa é manexar o idioma máis ou menos para a túa vida cotiá e outra poñerse a escribir un relato sen que Goethe se remexa na súa tumba. De feito, este é o meu primeiro libro para adultos que dou lido completo en alemán (antes caeu Alicia no País das Marabillas, que non teño claro que sexa un libro infantil, de feito a linguaxe é moito máis barroca e difícil ca nestoutra obra), permitídeme ese pírrico orgullo. Volvendo a Russendisko: moi recomendable. Está traducido ó castelán.

Aínda que a obra non toca moito o tema do racismo e a xenofobia, faime pensar na situación dos rusos neste país. Teño constatado que os rusos son os inmigrantes peor vistos, máis aínda cós turcos (que tamén os hai a centos de milleiros), árabes, africáns ou os de Europa do Este. A mala sona vén de que disque son endogámicos de máis: só se xuntan entre eles, falan só ruso e non aprenden alemán e protagonizan moitos casos de violencia (pelexas en bares, etcétera). Disque, disque. Só sei que non acaen moi simpáticos, e iso é triste. É de certo unha deformación da realidade a partir de casos illados, mais tampouco sei dabondo do tema, só que en xeral os alemáns teñen moi pouca idea do que pasa cos rusos, e viceversa. Eu dos rusos en Xermania só coñezo á limpadora da miña empresa, que é un sol de muller, e un compañeiro fillo de rusos mais nado en Alemaña, un tipo fenómeno. Se cadra debería difundir que os rusos (todos, todos) son xente fenomenal, e unha xeralización compensaría a outra. Eu que sei...

E de que se queixarán os bávaros, a rexión máis rica do país e con moi pouca inmigración. Penso nos neonazis que agroman polos ex-estados da RDA: a xenofobia máis feroz onde hai máis pobreza e dificultades, mais tamén, curiosamente, onde hai menos inmigrantes. O odio é sempre absurdo.

Páxina web do autor, en alemán.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Literatura  | Leave a Comment
luns, agosto 31st, 2009 | Author: Mr Tichborne

celso-emilio-ferreiro

Cada libro ten unha historia. De como pasou do andel dunha librería ata outro da túa casa, de como te marcou cando o liches.

A miña avoa, a que nos deixou o ano pasado, non era amiga de dar agasallos materiais. Si dos outros, as súas historias. A avoa Herminia era amiga da palabra, mais non da letra impresa. Na miña puberdade, eu tampouco.

Por iso me abraiou que un ano me agasallase cun libro. Volvía ela da súa estadía anual nos baños en Caldas de Reis, que repetiu mentres llo permitiu a saúde. Mercouno porque si, deulle por aí. Oíra falar do autor porque (coido) que ese ano era homenaxeado no Día das Letras e pensou que me gustaría.

longa-noite-de-pedraO libro era Longa Noite de Pedra, e diravos a moitos de vós tantas cousas como a min agora, mais daquela a min non me dicía nada. Poesía, buff neno, sácate de aí. Unha edición bastante extraña de Akal, en galego e castelán, peto, tapas de cartón. Non era o seu intre. Pasou a criar poeira no meu andel de adolescente confundido.

Saíu do estante tempo máis tarde, e ensinoume moitas cousas. Marcoume moi amodiño, mais firmemente. Amosoume o que era a poesía, que sen deixar de cantar a beleza podía cambiar o mundo, que sendo un dedo anoxado apuntando ás inxustizas estaba cargada de lírica, de alma. De futuro.

Non vos vou descubrir agora a Celso Emilio Ferreiro. Só lin que o andaban a homenaxear e din en lembrar este pequeno volume de peto, xa coas follas amarelas. Grazas, avoa, grazas. Que bo agasallo.

Este poema cheguei case a aprendelo de memoria. Cando todo che di que si, que importante é dicir que non... (Fonte)

NON ("Longa noite de pedra, 1962)

Si dixese que sí,
que todo está moi ben,
que o mundo está moi bon,
que cada quén é quén...
Conformidá.
Ademiración.
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Si dixese que acaso
as cousas son esí,
porque sí,
veleí,
e non lle demos voltas.
(Si aquíl está enriba
i aquil outro debaixo
é por culpa da vida.
Si algunhos van de porta en porta
cun saco de cinza ás costas
é porque son unhos docas).
Si dixera que sí...
Entón sería o intre
de falar seriamente
da batalla de froles
nas festas do patrón.

Pero non.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google