Angela ten unha grande virtude: ten unha idea clara para Europa, non só para o seu propio país. Outra cousa é que gostemos dela. E tamén ten un defecto enorme: as dificultades de moitos países europeos déronlle a pensar que esa idea súa non só é a mellor, senón que é a única (aforro e déficit cero) e hai que impoñela ós demáis custe o que custe. Mal asunto o de ir a casas alleas a facer a proba do algodón cando na túa tes tantas porcalladas por varrer. Porque estase a dar a imaxe de Alemaña como unha locomotora perfecta baixo o liderado incuestionable da Merkel, e non é así. Na anterior lexislatura gobernou cunha coalición «multicolor» producto dun electorado fragmentado, e nesta faino coa axuda do FDP, o Partido Liberal que se está diluíndo no aire en tódalas eleccións estatais (autonómicas), comicios onde o partido conservador de Angela (CDU) non leva ultimamente máis ca desgustos, entre disensións internas, enfrontamentos coa división bávara do seu partido (CSU), o caso Gutenberg (remember), etc., etc., apoiada sempre por uns números macroeconómicos, iso si, brillantes, pero uns microeconómicos (desigualdades, minijobs, empregos lixo) máis cuestionables. Por non falar de propoñer aforro e máis aforro aos cidadáns da UE, os principais clientes das exportacións alemanas. É como ter un bar e dar a brasa ós parroquianos con que o alcohol é malísimo. Ela saberá.
E iso lévanos ó tema do Bundespräsident, o Presidente Federal. Xa falaramos dese cargo aquí, unha sorte de Xefe de Estado de funcións máis representativas ca executivas e que se supón que é un personaxe de unión e consenso entre os demócratas. Coma o Rei en España (risas enlatadas). O caso é que nunca demitira ningún na histora desta República e en ano e medio e pico xa levamos dúas escorrentadas. Da primeira, o Horst Köhler do que xa falaramos, que liscou medio sorpresivamente por coherencia política. Co papelón de elexir un novo Presidente Angela tiña dúas opcións: aceptar un candidato de consenso, o proposto pola oposición, Joachim Gauck (conservador, relixioso e activista dos dereitos humanos nos tempos da RDA, apoiado pola opinión pública pero non da corda actual da CDU) ou poñer «un colega». Quixo impoñer e impuxo ó seu candidato, Christian Wulff, ó terceiro intento e desgastando a súa feble coalición de goberno. Xa sabemos que Angela é, digamos, tenaz. Pero o prezo foi alto.
O diario sensacionalista Bild destapou condutas do novo Presidente Wulff pouco edificantes: acadou empréstimos grazas ós seus cargos políticos, alternaba con millonarios e hospedábase en hoteis de luxo que pagaban outros… A nós parecenos chocante, porque ó Presidente se lle penduran chatas éticas pero nin moito menos indicios de delito, afeitos nós a Urdangarins, Fabras, Camps ou, que carallo, a dinastía Baltar, King of the Kings da Trapallada. Pero Alemaña non é Ourense e esas cousas sentan fatal. E fan ben. O peor foi oír a un Bundespräsident, cargo de consenso e paz apartidista etc. etc. deixar unha mensaxe ameazante e macarra no buzón de voz dun xornalista de Bild.
Resumindo, Köhler demitiu, pero a Wulff, que fora metido con calzador pola Merkel, houbo que «demitilo». Agora Angela pasará polo aro e Gauck será o novo Presidente, deixando unha sensación de que todo este sarillo podería terse evitado ó seu tempo. Como di o proverbio, as árbores grosas e rexas son tronzadas polos furacáns, pero os delgados e flexibles vimbios resisten. Flexibilidade, e non só no mercado laboral, Frau Merkel. E recurtar si, pero a arrogancia. Que non todo é culpa dos gregos.
Recomendamos unha análise completa do tema no artigo de Miguel Ángel García. Na imaxe, un cidadán protesta contra a situación da Presidencia e apoia a Gauck (Fonte: news.de)






Comentarios recentes