martes, febreiro 02nd, 2010 | Author: Mr Tichborne

Parede de París
Onte ía en bici para o traballo cando polo carril bici viña un ciclomotor en sentido oposto. Como o que ía en sentido contrario era eu, decidín apartarme cara a beirarrúa e deixalo pasar. Unha combinación de pouca habelencia + neve + bordiño entre ámbalas vías + estupidez do ciclista deu como resultado (=) o meu cu no chan, unha caida bastante espectacular e ridícula mais sen consecuencias (tranquila, mamá), alén dunha pequena rabuñadura e o susto. Mais a anécdota non é esa.

A anécdota é que o ciclomotor, pilotado a escasa velocidade por un home duns sesenta anos, tras presenciar a desfeita pasou ó meu carón (eu estomballado sobre a neve, a bici escarranchada a un metro de distancia) e quedou mirando para min con expresión aburrida. Non parou. Non aminorou. Non preguntou que tal estaba, se rompera algo, se precisaba axuda. Nada. Como quen mira chover. Se cadra tiña medo de que o metera nunha lea, que o culpara do accidente, algo absolutamente ridículo, toda a culpa fora miña. Mais a falta de humanidade foi súa.

Hoxe, cambiando de tema, souben dunha acción dunha persoa coa que traballo, do tipo "lareta-lercha-malintencionado". Malia eu non terlle nunca ningunha lei, ó contrario, malia ter eu un moi baixo concepto desa persoa, acadou decepcionarme. E malia eu non darlle ningunha confianza (confiaríalle antes un kalashnikov cargado a un chimpancé con cerebro esponxiforme) acadou de todos xeitos inmiscuírse na miña vida e facerme unha putada. Da que nin sequera obtivo ningún beneficio a cambio. Hai malas persoas moi intelixentes, pero o perigoso é cando a estupidez e a maldade van da man, sen saberse cal é a causa e cal a consecuencia. Deixémolo.

De aí vén o título desta anotación. Adoitaba dicilo un ex-compañeiro de traballo meu alá en Oviedo. Ás veces estou de acordo. E vostedes, han de perdoar, pero se o blogue non me serve para desafogarme, xa me dirán.

A foto foi tomada en París.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Cousas da vida
You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0 feed. You can leave a response, or trackback from your own site.

5 Responses

  1. Eu xa asumin hai tempo que o ser humano é un fillodeputa por natureza :(

    Ta caralludo o stencil parisino!

  2. Xa non é que medre, na miña opinión o filloputismo está instalado ata o punto de convertirse nunha forma de vida… na sociedade de consumo a competitividade acadou un grao de insania verdadeiramente temible.

  3. Ademais, o filloputismo vese reflectido tódolos días na rúa, no curro… Por certo, permítanme nomear a un que o practica e que está de actualidade: ADOLF DOMINGUEZ.

  4. Se aínda fóra por competitividade… no segundo caso foi por lercheo, por botar unhas risas, perxudicar sen acadar nada a cambio, máis que por maldade, por unha perversión dos instintos. “eu estou fodido, pois ti máis, ha ha”.
    E o de Adolfiño dá para un post. Empezando por como un xestor desastroso e chupasubvencións ten os collóns de dar leccións de macroeconomía e desprezar ós traballadores puteados asalariados quen son quen lle pagan os mercedes.

  5. O “gusto” por ver ós demais afundidos é un pérfido alimento para certo tipo de egos, e non é máis que competitividade… “eu arriba, ti embaixo, eu trepo, ti esvaras”

Leave a Reply