O noso peloteirismo non vai chegar a tanto como para felicitar a Obama polo seu Premio Nóbel, en recoñecemento ó detallaso de non ter iniciado polo de agora ningunha guerra mundial. Mais, indo isto sobre literatura e sobre peripecias en Alemaña, hai que felicitar á nova Premio Nóbel de Literatura, a alemá Herta Müller.
Pódeseme acusar de oportunista e de indocumentado mais non de pedante, porque o admito: non, ata onte non sabía nada desta señora. O meu consolo é que moitos dos meus amigos alemáns, xente moi lida, tampouco a coñecen, de feito non era das favoritas ó premio. Cabe engadir que ten obra publicada ó galego (Brétemas).
Se me parece interesante a obra de Müller é porque está centrada nas súas vivencias persoais como cidadá de minoría alemá noutro país, neste caso Romanía. Un caso pouco coñecido por nós (e teño en mente á familia dunha amiga miña) é o das minorías de fala e cultura alemás fóra das fronteiras do Estado Alemán, en países como Polonia, Hungría ou a mesma Romanía, como xa retratara ben outro Nóbel alemán, Günter Grass, da súa querida Danzig, cidade de grande presenza alemá que hoxe pertence a Polonia e leva o nome de Gdansk. Ou o propio Kafka, falante e escritor en alemán no que hoxe sería a República Checa.
Estas minorías conviviron en paz durante xeracións durante a convulsa historia da Centroeuropa de fronteiras mutantes dos séculos XIX e XX. A II Guerra Mundial mudouno todo e estas xentes, encadradas agora nos países satélites da URSS, foron perseguidas por mor das atrocidades de Hitler, fosen simpatizantes destes ou non. Moitas víronse obrigadas a abandoar as súas terras (onde naceran eles e os seus devanceiros, por moito que non quedaran encadradas en ningunha das dúas novas Alemañas derrotadas e divididas). Un exemplo foi a propia Herta, que abandonou á súa Romanía por Alemaña, cansa da Securitate de Ceacescu.
No corazón de Europa e estudando un pouco a Historia un comprende que a pertenza a unha nación e a un pobo e cultura non ten moito que ver coa a adscrición a un Estado, unha bandeira e un documento de identidade, sempre cambiantes e non tan inmutables como pensamos. Como dixo a propia escritora, son escritora alemá porque escribo en alemán. Neste caso, a patria é a lingua.
ACLARACIÓN: Frau Müller é romanesa, así se sente porque neste país naceu e se criou. Mais sinto que non dixen mentira no título: é unha escritora alemá porque escribe en lingua alemá e a súa obra pertence á literatura alemá e non á romanesa, e en segundo lugar Müller tamén é alemá, reside en Alemaña e ten tamén nacionalidade xermana.





Comentarios recentes