Archive for » maio, 2009 «

domingo, maio 31st, 2009 | Author: Mr Tichborne


O outro día comentaba que levei os meus pais a Munich e sen comelo nin bebelo vímonos metidos en medio do barullo futboleiro. Casualidade cando pasa un día, choque astral cando pasa dúas veces.
Hoxe convencinos para facer unha pequena excursión a Núremberg e vímonos noutro balbordo, porque o 1. Nürnberg xogábase o ascenso na promoción co Energie Cottbus. E xogaba na casa. Por riba ascenderon, así que a xolda foi en aumento ata que nos deu a hora de voltar. O único negativo, que un seareiro do Energie de intelixencia distraída propinounos unha pequena ducha de cervexa (el desde un tren, nós no andén, no medio varios Polizei cabreados).
Así vai a inesperadamente futboleira Baviera. Por certo, Nuremberg moi bonita, non dou o peñazo porque xa falara dela hai algún tempo. En canto ás vacacións, agonian...

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
venres, maio 29th, 2009 | Author: Mr Tichborne


Parece que a criatura tivo dificultades de xestación. Á final, o que case remata en aborto por mor da coxuntura económica internacional, nacional e terruñal que nos arrea, parece ser que vai quedar en simple atraso, informan os pais. O becho será chegado. Disque cando as follas comecen caer das caducifolias.
Seguiremos informando.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
venres, maio 29th, 2009 | Author: Mr Tichborne

Turquía mandou hai uns anos á Eurovisión un grupo de Ska, Athena, e a súa canción "For real" non quedou mal clasificada.
Cando manden de aquí músicos e non papagaios que canten o que lles poñen diante, cando gobernen no tema máis xente que saiba de música e de arte e menos produtores, zugatintas, asesores de imaxe, Ristos, publicistas, analistas e analistos, avisádeme. Mentres tanto, a min Eurovisión vaime seguir dando igual. Chu points, dé puán.
(O videoclipe da canción deste grupaso, acó)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
domingo, maio 24th, 2009 | Author: Mr Tichborne

(Imaxe tomada polo meu pai na Marienplatz de Munich. Vese ó fondo o Concello Vello)

Teño os meus pais de visita. Visitamos sitios que lles sorprenden. Eu xa os coñezo, pero dáme igual, o sitio a visitar son eles mesmos, tanto tempo sen compartirmos xuntos. Embarcamos no tren cara Munich e somos invadidos polo balbordo do último partido de liga. O Bayern de Munich podía saír campeón se lle saían ben as cousas. Se lle saían reviradas, podían quedar fóra da Champions. Os meus pais preguntan por cada monumento. Vai sol, onte treboadas. Turistas e máis turistas, e nós sen complexos, entre eles. Arrodéanos seareiros cantando. Polizei por tódalas partes, as súas vestimentas e armas de ir á guerra urbana contrastan coa paz da súa actitude e do ambiente. Do Bayern e do seu rival hoxe, o Stuttgart, aparentemente en boa harmonía. Nós ó noso, polo Altes e o Neues Rathaus, a Asamkirche, barroco, gótico, cervexa Paulaner... Mallamos ós pés, mercamos uns bocatas de Leberkäse para o tren, cansos e satisfeitos. Na porta da estación tres seareiros do Stuttgart increpan ós bávaros, ante a indiferencia destes. As sandalias rózanme. Hora e media de viaxe en tren. Volvemos con máis hinchas do Bayern en dirección a Ratisbona. Mentres eu planexo novas rotas bávaras e miro ó ceo preguntándome polo tempo, o climático e o outro, os hinchas do FCB van cantando con voces cada vez máis anubadas e atonais por mor do lúpulo. Mamá conta algo da súa pensión de Inglaterra, eu oio a súa voz, non colixo as palabras. O Bayern gañou e irá á Liga de Campeóns, mais o novo campeón de Alemaña é o equipo da Volkswagen, o Wolfsburgo. Tomamos algo na casa e falamos de Baviera, de política, de Munich, de fútbol. Festa verde dos campeóns na televisión, mentres o Dépor perde no último minuto en Sevilla. Caghená.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
luns, maio 18th, 2009 | Author: Mr Tichborne


Mario Benedetti deixounos, e no mundo vai un chisco máis de frío.

Monstruos


Qué vergüenza
carezco de monstruos interiores
no fumo en pipa frente al horizonte
en todo caso creo que mis hueso
son importantes para mí y mi sombra
los sábados de noche me lleno de coraje
mi nariz qué vergüenza no es como la de Goethe
no puedo arrepentirme de mi melancolía
y olvido casi siempre que el suicidio es gratuito
qué vergüenza me encantan las mujeres
sobre todo si son consecuentes y flacas
y no confunden sed con paroxismo
qué vergüenza diosmío no me gusta Ionesco
sin embargo estoy falto de monstruos interiores
quisiera prometer como Dios manda
y vacilar como la gente en prosa
qué vergüenza en las tardes qué vergüenza
en las tardes más oscuras de invierno
me gusta acomodarme en la ventana
ver cómo corre la llovizna corre a mis acreedores
y ponerme a esperar quizás a esperarte
tal como si la muerte fuera una falsa alarma.

Torturador y espejo


Mirate
así

qué cangrejo monstruoso atenazó tu infancia
qué paliza paterna te generó cobarde
qué tristes sumisiones te hicieron despiadado

no escapes a tus ojos
mirate
así

dónde están las walkirias que no pudiste
la primera marmita de tus sañas

te metiste en crueldades de once varas
y ahora el odio te sigue como un buitre

no escapes a tus ojos
mirate
así

aunque nadie te mate
sos cadáver

aunque nadie te pudra
estás podrido

dios te ampare
o mejor
dios te reviente.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Poesía  | 5 Comments
xoves, maio 14th, 2009 | Author: Mr Tichborne

Imaxe tirada de aquí

Non podo deixar de comentar a "polémica" do día. Como sabedes, onte xogaron a Final da Copa da Súa Maxestade El-Rei (nome completo) en Valencia o FC Barcelona e o Athletic de Bilbao. Parece ser que puxeron o himno español e que a meirande parte de ámbalas aficións o asubiaron e apouparon. TVE tapou o feito e non o retransmitiu en directo, senón en diferido en versión "capada": dérono no descanso mais co son ambiente baixado, de xeito que os asubíos non se oíron.

Parece que tódalas partes están de acordo en que o de TVE foi censura e manipulación, alén dunha trapallada. Daquela non vamos insistir no tema. Seica xa botaron o responsable.

O caso é que a todos os siareiros dos dous clubes os tildaron de antiespañois e antidemócratas, amén de hipócritas, porque se non lles gusta unha competición co nome do Rei, que non a xoguen, disque. Non sodes españois, non xoguedes. Tamén poden respostar, se temos que ser españois, xogámola. E gañámola: son os dous clubes que ergueron máis copas. Aquí somos ou non somos españois para o que convén. E é certo que o Athletic e o Barça están vencellados a historia do sentimento nacional vasco e catalán, iso está aí, ainda que iso non significa que ser seareiro deles sexa ser nacionalista. Poucas cousas hai que unan nesas dúas terras a xentes de diversa condición e filias políticas como estes seus dous clubes de fútbol. Volvamos o himno.

Os himnos, as bandeiras, son símbolos: cousas que non son nada (melodías e trapos) mais que teñen un significado para moita xente, bo ou malo. Non digo que estea de acordo neste xesto, mais é un xesto que non debeu ser silenciado pola TVE. É unha falta de respeto á xente á que si lle importa ese símbolo. A pregunta é: por que soa o himno español nunha competición deportiva nacional? Por que non os dous fermosos himnos de ámbolos clubes, ou, directamente, nada? Onde pasa isto, fóra dos EEUU? A intencionalidade é clara.

Mais non deixa de ter graza que eses tertuliáns de sempre se tiren dos guedellos cos asubíos de onte mais calen coma petos cando, por exemplo, nas últimas visitas das seleccións de Francia e Turquía os seareiros da "Roja" apouparon os himnos destes países, ou ainda máis grave, que minimicen a polémica dos berros racistas cada vez que un xogador de cor da selección inglesa tocaba un balón no Bernabéu. Iso non é unha burla contra os símbolos nacionais, iso é humor español, cohones.

Insisto, non me pareceu un xesto apropiado, cadaquén coñecerá os motivos dos seus asubíos, mais a censura por un lado e a sobrerreacción dos de sempre polo outro póñenme enfermo. Sen ir máis lonxe, a web do Marca publicou este artigo sospeitosamente mesmo antes de que finalizase o partido. Mais se cadra, aventuro eu, moitos dos que asubiaron non o fixeron "contra España", senón "contra esta España", a España deste himno (unha marcha militar), este rei (calquera rei), esta bandeira (herdada do tío Paco) e ese índice sinalador que di como e cando es español ou non sen preguntarche, en suma, contra esta España na que senten que non caben. E a sentir non poden obrigar. Mais diso non importa falar. Mais diso importa non falar.

P.D.: Menos mal que o espectáculo futbolístico que lle seguiu fixo superalo todo, mellor falemos de fútbol e de cousas serias. Sempre antipaticei coa ditadura futbolística do Real e do Barça, mais teño que admitir que o paso coma un anano vendo o fútbol dos de Pep, dunha beleza que vin poucas veces na miña vida, por non dicir ningunha. Mágoa polo Athletic. En fin, que as finais de Copa me traen lembranzas moi entrañables e hilarantes...

P.D. 2: Asubiarían o himno porque o tocaron sen letra?

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
mércores, maio 13th, 2009 | Author: Mr Tichborne

Tiña gañas de fincarlle o dente ó Márai, despois de aconsellarmo a miña Anniña, devota das súas novelas, e tamén tiña gañas de encetar unha das coidadas traducións de Rinoceronte, así que cando vin este Herbario no andel non o pensei moito.
Sándor Márai foi un dos máis reputados escritores húngaros de antes da Segunda Guerra Mundial e condenado ó ostracismo durante o réxime comunista. Rematou exiliado nos Estados Unidos, onde seguiu publicando en húngaro, movido polo amor á súa lingua, mais a súa obra caeu no esquecemento. Foi a partir da súa morte e da caída do telón de aceiro cando comezou ser recoñecido. Como adoita pasar...
A primeira sorpresa é que Herbario non é novela ningunha, nin sequera é narrativa, non sei se o calificaría como ensaio. É unha compilación de textos breves do que cada un deles é un consello para a vida. Ensinanzas non proferidas por un falso sabio, senón polo aluno que aprende ("O autor deste libro non quere ensinar, senón aprender", do limiar). Dende como atopar a fortaleza necesaria para afrontar a vida e a morte, o compromiso cara a propia obra e traballo, a banalidade dos contratos sociais e ata cómo almorzar ben pola mañá. Márai amósase enchoupado nos filósofos clásicos, algo misóxino e misántropo mais cunha ética pétrea e un compromiso coa súa propia obra e coa vida sen fisuras. E para un home que rematou coa súa propia vida (xa de vello) a súa mensaxe é abraiantemente positiva, consciente da milagre da vida, claro que o escribiu en 1943, antes de que sufrira tódalas putadas que sufriu. A súa prosa é áxil e fluída, mais nunca banal, dá azos sempre á reflexión. E os seus curtos textiños fanme pensar que se cadra hoxendía o húngaro os publicaría en forma de blog, ese xénero que agonia (con todo, son grandes de máis para un Twitter).
Non podo resistirme a fusilar o último capítulo "De min mesmo", sen permiso nin do finado nin dos herdeiros dos seus dereitos de autor, hanme de desculpar.

Agradézolle ao destino co meu derradeiro suspiro ter sido un ser humano e que unha lene luz iluminase a miña intelixencia mentres vivín. Vin a terra, o ceo e as estacións, cheguei a coñecer o amor, os fragmentos da realidade, os devezos e as decepcións. Vivín no mundo e pouco a pouco fun comprendendo. E un día hei de morrer. Ata isto é tan marabillosamente xusto e sinxelo! Podíame acontecer outra cousa, algo mellor, máis grandioso? Non. Vivín o máximo e o máis grandioso: o destino humano. Non me podía acontecer outra cousa, nada mellor.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Literatura  | Leave a Comment
xoves, maio 07th, 2009 | Author: Mr Tichborne

Os xermanos tamén celebran ó seu xeito os Maios, ou sexa, a chegada da primavera e a fin do duro inverno. En Baviera e no sur de Alemaña e tamén nas rexións limítrofes de Austria en cada vila erixen unha Árbore de Maio (Maibam en bávaro, Maibaum en alemán estándar). Pode ser unha árbore guindada cada ano ou poden gardarse dun ano para outro, normalmente teñen a forma que vedes na foto, sen pólas nin follas, e canto máis alto e recto mellor. A forma cambia segundo as zonas. É sempre un traballo común de todos os da vila.
As tradicións cambian tamén segundo as rexións, mais todas coinciden en facer festa o 1º de Maio, poñerse o Trachten (os pantalóns curtos de coiro ou Lederhosen con todo adobío) e as mozas e mulleres o Dirndl e bailar e cantar baixo da árbore, e como suporedes, beber moita moita moita cervexa. En Passau, por exemplo, xogan a agabear polo Maibam ata acadar a coroa, e fano a unha velocidade e axilidade de vértigo.
Pero a tradición máis senlleira, ou polo menos a que máis chiste me fai, é a de roubarlle a árbore ós da vila do lado. Imaxinade as caras de todos cando amence o 1 de Maio e a árbore non está. É unha cousa seria, fan quendas de vixilancia á vez que argallan tretas enxeñosas para distraer ós sentinelas da aldea veciña e acadar o trofeo.
As imaxes son dos arredores do lago Attersee, na Alta Austria, onde pasei esas datas.


Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
mércores, maio 06th, 2009 | Author: Mr Tichborne

París é vítima de si mesma. Disque Francia se divide en dúas partes: París e o que non é París. E tiven ocasión de observar as dúas Francias na mesma viaxe. Verdadeiramente, o centralismo francoparisino é brutal, ó resto do país invádeo un complexo de inferioridade misturado con xenreira e admiración.
Por outra banda, París como metrópole cultural europea hai tempo que morreu de éxito. Converteuse nunha cidade cara e elitista, presume dos seus pintores e escritores de Montparnasse, Montmartre, o Barrio Latino e o Marais, mais hoxendía hai que ser rico ou mesmo millonario para permitirse vivir neses barrios. E por outra banda, a marxinalidade das banlieues, os inmensos arrabaldos que arrodean á cidade e onde se amorean os inmigrantes.
Mais París segue sendo París.

Curruncho xudeu no Marais.


Mitomanía turisteira en estado puro: o Cemiterio de Père Lachaise, onde se pode un tropezar coas tumbas de Balzac (si, rematando o ciclo que comezou en Tours, morreu en París vello e arruinado polos seus vicios, malia o seu éxito en vida), a Edith Piaf, Oscar Wilde ou Jim Morrison. Co que me gustan os cemiterios non podía deixar de ir.

Unha revista aló polo 2000 cuestionaba: que facemos cos monumentos parisinos do século XX? Reformámolos, agachámolos, voámolos en anacos...) O branco da carraxe son cousas coma a nova ópera da Bastilla ou o feto-pirámide de cristal que chantaron no medio do Louvre. Eu salvaría o Centre Pompidou, coa súa arquitectura orixinal, cos tubos por fóra pintados de cores.


Boca de metro art-déco en Montmartre.

A praza dos Vosges, para min a máis fermosa de París.

Ten graza que me atopara con este autocolante, tan nonaguérrico e non tan pasado de moda, ó meu entender, tal como están pintando as cousas. Chemari perségueme por toda Europa!


Forum des Halles, máis coñecido polos parisinos coma o Trou: o Burato.


O dito, hai que volver. E volver, e volver...

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
mércores, maio 06th, 2009 | Author: Mr Tichborne

París sempre deixa unha sensación extraña. Vas coa ilusión de visitala e permanece inmutable, impermeable ó observador, ó que porén marea coa súa beleza, como unha amada fermosa, adorada, fría e ingrata. París continúa coa súa vida e a súa morte sen que lle importes nada, xa lle podes declarar o teu amor ou cuspirlle nos adoquíns. Mais cando marchas, levas a París dentro. Non estiveches na cidade, non a visitaches. A cidade visitoute a ti, está en ti e non vai marchar. Terás que volver.


Un semáforo e unha farola. Ó fondo, non sei qué monumento.


Ponte entre os Inválidos e o Petit Palais.


Xardíns do Palais Royal


Les Halles.


Os Xardíns de Luxemburgo. Ó fondo, o Panteón.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google