Archive for » xaneiro, 2009 «

mércores, xaneiro 28th, 2009 | Author: Mr Tichborne

_

Volve actualizada a revista dixital cultural Move, con novas colaboracións, entre elas un novo relato meu chamado Pausa Café, ó que estades convidados a ler e opinar. Agardo que vos guste.

_

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
mércores, xaneiro 28th, 2009 | Author: Mr Tichborne



Espertou naquel curioso mundo. Unha muller da súa idade, nin guapa nin fea, estaba alí ó seu carón e soubo axiña que tería que afacerse ó enfastío da súa cara. Vale. Todos miran e acreditan no que di a televisión, logo xa falaremos dese invento. Vense guerras e exterminios, co único obxetivo de roubar, mais non aquí, todo está limpo, ainda que por veces a violencia estoupe e se nos debuxe o terror na cara. Mais non hoxe. Había policía, hospitais, nenos xogando nas randeeiras, mortos en Pompas e bebés chorando eslarafuzados en líquido amniótico.

Observou tamén co tempo que todos, se cadra el mesmo tamén, debían para subsistir acudir a un sitio a facer algo, apetézalles ou non, sexa para producir algo de proveito ou trapalladas. Para esta fin desprázanse en enormes caixas metálicas rodantes que fumegan e meten barullo. Logo toleaban para ir a eses outros sitios, do máis diverso por outra parte, para adquirir cousas e máis cousas que acumularían sen xeito ata tirar con ellas ó lixo.

A xente que atopou comía cousas envoltas en caixas ou plásticos, fumaban follas enroladas en papel, bebían alcohol nunha especie de rito de rebeldía perfectamente artellado polo sistema, pensaban nas tatuaxes que se farían se tivesen o valor, e miraban e eran mirados por outros homes e mulleres que non lles pertencían. Todo isto foino aprendendo ó voo, coma o trazado das rúas ou que cousa vai en cada caixón. Se cadra eran lembranzas regresadas ou músicas que lle atoraban a gorxa.

Todo isto foino comprendendo, mais ás veces se lle agarrotaban as mans e só quería ver, ulir, bañarse en sangue de todos e de todo, mais dominábase. Pensou nos días por vir. O domingo quedaran para un chuvasco.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Relatiños  | One Comment
mércores, xaneiro 28th, 2009 | Author: Mr Tichborne




Verificação ortográfica

En Compostela non sempre rematan os camiños, nin sequera chove sempre, nin sempre a pedra nos acubilla no seu colo. Ás veces as laxes do chan vólvense de cartón pedra e todo se volve pantasma. Ás veces sorpréndenos a súa indiferencia cara a nós, que viñamos dispostos a odiala e a amala. Mais seguirá sendo un sitio onde volvermos, ainda que a ela tanto lle teña.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Fotos, Viaxes por aí  | One Comment
martes, xaneiro 20th, 2009 | Author: Mr Tichborne

_
Benquerido Barack,

xa sei que andas ocupado co festorro do teu nomeamento como Presidente Mundial e Universal, e antes de nada: parabéns. Só quería desexarche un feliz reinado e que che vaia ben en todo o que te propuxeches e prometeches. Tamén pedirche que non te conformes en facelo mellor ca o teu precedesor no cargo, porque para superalo en maldade e incompetencia ainda ias ter que esforzarte. Concéntrate en facelo ben, "mellor" ca o de antes non abonda, pregúntalle a Zapatero (se non sabes quen é chamará un día destes, entrementres podes buscalo en Google).

Ó que iamos. Digo que se tes un ratiño entre outros asuntos, máis ou menos importantes, podes solucionar un detalle. E parafraseándote, Ti Podes. E non digo "Nós podemos", digo TI podes. Trátase de ser digno da confianza dos que te elexiron e que peches Guantánamo e tódolos centros de detención ilegal e tortura que teñen os Estados Unidos en todo o mundo. Chegarate unha misiva de Amnistía Internacional asinada por moita xente, (asina ti tamén!) que confía en ti malia non seren todos electores teus. Eu asino mais non me inclúo neste último grupo dos teus fans, sonche máis escéptico. Sei que me vas decepcionar, así é a vida, mais tamén agardo a que non sexa neste tema e remates con esta vergoña. Agora. Xa.

Tamén che deixo o enlace a un xoguiño que seguro que te relaxará moito. ¿Sabías que os fabricantes deses famosos zapatos voadores, os Código 271, se están a forrar? Mágoa de puntería.

Non esquezas o que che pido. Agora, desfruta da festa. Saúdame a Michelle.

Nota a posteriori: Que poder de persuasión o deste blog e dos seus lectores. Isto non leva nin 24 horas publicado e e xa leo esta nova. A ver se é un comezo de algo positivo.

_

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
martes, xaneiro 13th, 2009 | Author: Mr Tichborne

O pasado mércores o dianteiro do Sevilla Frederic Kanouté, orixinario de Malí e munsulmán, tivo o mal gusto de marcarlle un gol ó Deportivo (é un xogador fantástico, supoño que non o puido evitar) e o bo gusto de exhibir esta camiseta na celebración do mesmo, que levaba por debaixo da indumentaria oficial. Afeitos a celebracións babecas semellantes, agardábase un "Quérote Maruchi", "Compi recupérate axiña" ou "Vendo Seat 600 seminovo" ou algo polo xeito. Mais só unha palabra: Palestina, en varios idiomas, sobre fondo negro de loito.
O dianteiro foi sancionado con tarxeta amarela e posteriormente con 3000 euros (nimio para un futbolista de élite, mais a máxima punición que dita o regulamento), porque se lles prohibe ós xogadores amosar lemas relixiosos ou políticos. Mais non hai lema ningún, nin incitación ó odio. Tan só o nome dun país, dun non-país, dun pobo. Dunha vítima.
Se cadra si. Se cadra dicir o nome dun pobo que está a ser exterminado si que é un acto político, se cadra dicir o seu nome significa algo, se cadra esa concisión é máis agresiva e solidaria que calquera discurso hipócrita. Porque Palestina non pode ser borrada do mapa, da historia, e nós calar. Porque Palestina non é unha palabra valeira.
Porque digo Palestina. Porque hai que dicir Palestina ata que se nos seque a boca. Porque Palestina.

_

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google