Archive for » xuño, 2008 «

luns, xuño 30th, 2008 | Author: Mr Tichborne

Levo dúas semanas de mudanza. Non de casa, senón de laboratorio: moitas horas de traballo e estrés e pouco tempo para o demáis, verbigraza este bloghiño. Mais quedou tempo para desfrutar do fútbol, saíronme uns compañeiros de traballo tan fumboleiros coma min e que mellor pretexto para quedar cá Eurocopa.

Entre o estrés esmagador, que agora remite, presenciamos os camiños converxentes da Mannschaft e de España. A primeira, o guión previsto, músculo e corazón, gañando partidos no último minuto, coas vísceras nun puño. Logo, bandeiras tricolores, caras pintadas, ledicia inusitada nestas xentiñas tan autorrepremidas, e eu de convidado á festa.

E na outra banda, a España. As perspectivas cambian moito cando vives fóra, e non falo da típica comunión de inmigrantes no estranxeiro: case non trato con españois, case todos estudantes de Erasmus con data de caducidade en Baviera, coido que non hai galegos en Regensburg. Mais, síntoo, síntome máis representado por Villa ca por Cristiano Ronaldo ou Schweinsteigger.

Mais gústame o fútbol. E hai que quitarse o chapeu: nun dos mellores campionatos que se lembran (equipazos coma Croacia, Holanda, os marabillosos anarquistas turcos, os veloces zares rusos, a propia alemaña, tentando poñerlle un pouco de graza ó seu xogo mecánico) España xogou de cine, foi a mellor, cepillouse a favoritas coma Italia e a devandita Alemaña e só hai que ler como os xornais alemáns recoñecen a súa superioridade. Non me vou estender na crónica futboleira, que hai pola rede artigos mellores (aconsello este). O avó chocho que deixou fóra o mellor dianteiro de tódolos tempos temporais e posibles (din por Madrí, mais que eu saiba, só un español gañou o Balón de Ouro, e era do barrio da Torre, mais non nos desviemos) e apostou por un mediocampo de ananos enclenques, mais que aloumiñan o balón con botas de veludo.

Chega a final e aprétome no sofá contra catro ou cinco amigos xermanos, procurando non dar a nota. España avisou: imos tocar. E os alemáns tamén: imos correr. E os de vermello tocaron e tocaron, e os de branco correron e correron... detrás do balón. Desesperados. Os últimos cinco minutos son os das típicas arroutadas dos alemáns, coa vitoria tatuada na fronte, os do acoso brutal e inmisericorde. Non desta vez. Rendidos, cansos, impotentes. Os espectadores que comigo estaban, tamén. E eu, triste con eles, de todos xeitos son amigos. Logo se lles pasou a base de grolos de cervexa nun vintecatro horas e felicitaron ó Spanier. Eu. Complicado de explicar.

Festa. Aquí tamén, en territorio comanche, xuntáronse varias bandeiras vermellas e amarelas. Sen o polo, menos mal. Sen manipulacións. Unha ducia de mozos e un señor pequeno e mouro, seguramente un dos poucos emigrados dos setenta que non retornou. Ledo. Abrazámonos, separámonos.

Podemos ser parte disto? Da selección da “furia”, ou de “echarle cojones”, aliñacións feitas pola prensa e o entorno do Real Madrid, mamoneos e outras caralladas xa vimos o resultado noutras edicións. Cohones, cohones, como se iso fose unha táctica deportiva. A do talento, a da fidelidade a un estilo, aí a temos, a de Fernando ou Daniel, e tamén Carles, Xabier ou Francesc (ningún galego, mágoa).

Será que son contraditorio, mais non acado que esta selección sexa de todo miña, nin tampouco que me sexa de todo allea. Por lonxe que estea... mais se falamos de fútbol, gañou o mellor, con fútbol, sen cojones, e eu desfruteino.

(... e a vindeira final, Galiza-Bayern!)


(

portada do Bild: "Mágoa rapaces... mais os españois merecérono". Para que vexades que os doiches son implacables na vitoria, mais teñen bo perder)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Fúrmbol  | Leave a Comment
sábado, xuño 21st, 2008 | Author: Mr Tichborne

Hoxe ó volver do traballo (si, apandei cunhas horas de traballo neste sábado case estival) entrei no meu edificio, arrombei a bicicleta, abrín a caixa de correo e collín os folletos de propaganda, coma vós recibo toneladas de papel en forma de propaganda de cousas que non preciso. Saín fóra cara ó noso contedor de papel, abrín a tapa, guindei os folletos dentro namentres Jacques Brel me espetaba a súa mirada e pechei a tapa.
Logo, uns segundos despóis (son de reacción lenta) decateime do inusual de que o Grand Jacques me mirase desde dentro dun contedor de papel desta cidade perdida de Baviera. Así que volvín abrir a tapa e alí o vin:


Unha ducia de carátulas de disco de vinilo. Brel non estaba só, tamén estaban no lixo Gilbert Bécaud, Percy Sledge, o inmenso Otis Redding, e esta de Pink Floyd:


Coido que non había ningún disco malo, todos eran xoias. Ben, de feito, non había ningún disco: o meu responsable veciño bávaro guindara as carátulas valeiras no contedor de papel, e os discos seguramente na súa correspondente bolsa marela dos plásticos, recollida polo Servizo de Refugallos o mércores pasado.
Non entendo cómo se pode guindar ó lixo así como así un anaco da cultura do século XX. O dono destes discos tiña un gusto ou interese especial pola música. Xa non o tiña? Deixamos de escoitar música, ler libros, ver bo cine, cando imos vellos? Se cadra se lle escarallou o tocadiscos, mais iso non é excusa, eses discos son xoias. Se xa non lle interesan, alomenos podería vendelos (coido que serían ben pagados), donalos a alguén que os aprece, ó veciño inmigrante do ático, que sei eu. É tarde de máis.
Levei as dúas carátulas que ilustran este post comigo. Coido que esta noite irei apañar o resto, ainda non sei ben para que. Mais para tirar sempre hai tempo.
E se non, mirade como se valeiraba Brel en directo. Ainda que estas non sexan da histórica actuación no Olympia de Paris do 64, teñen polo menos subtítulos en español, para os que non saiban francés. (Náufrago, ben sei que estas cousas lle gustan).

Quand on n'a que l'amour (Cando só se ten amor)

Les bourgeois (Os burgueses)

Porque un día xa vos levei a Amsterdam. Xa o cantaba Sabina:

Hay quien dice que fui yo
el primero en olvidar
cuando en un si bemol de Jacques Brel
conocí a mademoiselle Amsterdam.

E ó que me levaron a postear algunhas carátulas de discos vellos esquecidos no lixo...

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
martes, xuño 17th, 2008 | Author: Mr Tichborne


"Fiel a su máxima de que un torero debe estar dispuesto a jugarse la vida doce tardes al año, José Tomás llegó a Madrid dispuesto a superar lo insuperable; es decir, a dejarse matar antes que perder la batalla contra sí mismo. Y a fe que lo demostró con una entrega absoluta, con una heroicidad sobrehumana y con un insuperable desprecio a la vida. Porque, ayer, José Tomás estaba dispuesto a morir. Y a punto estuvo de conseguirlo." En El País, onte.

Noxo. Dáme noxo ver a ese pailán ensanguentado, coa súa sangue e dun animal que non lle ten culpa. Noxo de como ver cómo arriscou estúpidamente a súa vida coa única finalidade de torturar e asasinar a un animal para espectáculo e escarnio público. Noxo de ver como é tratado coma un heroe, e como se salienta a súa "coraxe". Noxo de que persistan estas tradicións, coa única excusa de que son iso, "tradicións", como o foron a queima de bruxas ou o circo romano. E noxo de que no estranxeiro se me identifique, ó meu pesar, con esta "cultura" coa que non quero ter nada que ver.

Interprétese a seguinte canción como ironía e protesta. Non lle desexo a morte a ningún animal de intelixencia inferior. Ós touros, tampouco.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
sábado, xuño 07th, 2008 | Author: Mr Tichborne


O das carrachas, eses simpáticos e pequenos arácnidos chuchasangues, é un tema recorrente esta tempada. Carrachas hainas en tódolos lados, mais as desta rexión (Baviera e Austria) teñen algo especial, e nada bo.
Os que seguides o fúrmbol, saberedes que a selección española e o resto que xogan na Eurocopa de Austria e Suiza tiveron que vacinarse contra as carrachas. Porque non é só o feito de que piquen e chuchen o sangue, o cal xa é desagradábel de por si, senón porque transmiten enfermidades moi serias. As carrachas que nos ocupan viven no campo, fragas, etc., agochadas entre a herba, e cando un animal (vacas, coellos, sendeiristas en pantalóns curtos, campingueiros ou amantes do sexo na natureza) pasa a rentes delas, péganse á pel e danse unha paparota hemática. O risco de picaduras restrínxese á primaveira e verán.
Unha das doenzas que transmite é unha encefalopatía vírica chamada TSME en alemán. Febre e xaquecas durante toda a vida, ata danos cerebrais, mareos, etcétera. Non hai tratamento pero si hai vacina.
A outra é a borreliose ou enfermidade de Lyme, e a carracha vén sendo o autobús que toma a bacteria Borrelia burgdorferi para acceder ó noso corpo. É unha infección para a que, á inversa da anterior, non hai vacina pero si tratamento na primeira fase. E o conto vén porque un destes bechos picoulle a Anniña mentres corría (para que logo digan que o deporte é bo) e ós primeiros síntomas (febre, picada que medra e doe, aplatanamento xeral) xa foi responsablemente ó médico e ten que encherse de antibióticos un par de semanas. Toléraos igual ou peor que os síntomas da enfermidade, pero é o que hai: se non se trata na primeira fase as borrelias acantónanse no corpo e non hai quen as bote durante toda a vida: dorosas artrites, problemas cardiacos, alucinacións, transtornos psiquiátricos e escarallamento sistémico. Mais se se atalla na primeira fase cos antibióticos, non adoita dar máis problemas.
E como xa lle vin as orellas ó lobo, a ver se para a semana vou pincharme a vacina contra a TSME. E revisareime a parte baixa das pernas, a ver se atopo algunha pequena intrusa. E vós, se vides por aquí, coidadiño.

(imaxe da Wikipedia)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Bavaridades  | 6 Comments
martes, xuño 03rd, 2008 | Author: Mr Tichborne

Hoxe fun ver cine en cristián: hai unha semana de cine español en Ratisbona e hoxe botaron cinco curtametraxes do galego nacido en Inglaterra Alber Ponte:

  • O Tesouro de Caracona (tiven que sorrir co título). É o trailer dunha futura longametraxe rodada perto de Ferrol.
  • Non tardes. A que menos me gustou. Protagonizada polo propio Ponte e a súa muller Celia Guerrero.
  • Esperando. De prota, descubrín a Fran Grela. Enorme de secundario o Luís Zahera, facendo de camelliño farlopeiro. Sobre a paciencia e o valor da verdade, en ton de comedia. Se cadra a mellor, situada en Compostela, concretamente en San Martiño Pinario (que morriña...). Curiosamente foi emitida en castelán e sen subtítulos para abraio dos alemáns que se deixaron caer.
  • O momento oportuno. Historia dunha vinganza. Curiosamente, en inglés con subtítulos en castelán.
  • Pernambuco. Un mozo e unha moza que viven nunha pequena vila de Andalucía atópanse e pregúntanse por que nunca se coñeceran antes. Divertida e melancólica. Estupefacción ó ver os actores: os televisivos Ángel Martín, humorista, e Carmen Alcayde, a do quimidices. Por raro que pareza manteñen o tipo, ainda que tiveron que simular un forzado acento andaluz.
  • A orixe do problema. Alguén marcouse o detalle de subila ó tubo. Cos nosos Nancho Novo e Luís Tosar. Ponte comentou que os produtores non estaban moi convencidos de contratar a Tosar, logo se fixo famoso e agora presumen de telo descuberto... en fin. Aquí a tedes, en dúas partes.


O propio diretor fixo a presentación da proxección, e estivo simpático e divertido, sobre todo mareando ó seu tradutor simultáneo. Mágoa que tivese que marchar, ben que me gustaría felicitalo en galego ó final da sesión.
Curioso o das diferencias culturais: os alemáns rían ás veces de escenas que non eran gags, e non entendían á vez certos xiros, de humor ou non. Mais en liñas xerais, coido que gustou ós presentes.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Cinema  | One Comment
luns, xuño 02nd, 2008 | Author: Mr Tichborne

"O fútbol é un deporte de once xogadores contra once, un balón e dúas porterías no que gañan os alemáns"

Ben, xa teño equipo favorito para a Eypocopa. Si, o meu país de acollida, Alemaña, aí vou estar eu apoiando o seu fútbol efectivamente cicateiro, organizado, suoroso e carente de fantasía. Na vez do Kaiser están outros futbolistas de medio pelo como Schweinsteiger, Ballack, Kuranyi ou Podolski. Xogadores moi inferiores a, poño por caso, Torres, Cesc, Xavi ou Ramos, mais que chegarán moito máis lonxe de cuartos de final.
E diredes, ¿e por que? Por puro e duro interese.
Unha das moitas ofertas chorras con motivo da Eurocopa (Xermania non é unha excepción), xa se sabe, pintar un balón ou un rectángulo verde para engaiolar clientes, é a da tarxeta do tren. Os da Renfe alemana sacaron unha Fan Bahnkarte 25 (abaixo tedes a Ballack, publicitándoa), ou sexa, a tarxetiña que dá un desconto do 25% en tódolos traxectos do tren. E eu gástome unha boa suma nas visitas a Anniña en Passau, así que pilleina para probar. É válida ata o 30 de Xuño, e se vides ver un dos tres (máximo catro) partidos da Vermella, a tarxetiña válevos para ir a Austria e Suiza.
E diredes: vale, ¿e iso que ten que ver con que torzas para Alemaña? Tan integrado sentimentalmente estás?
Pois que a validez da Bahnkarte prolongarase un mes por cada victoria da Nationale Mannschaft!! Se os xermanos abrochan co trofeo, podo aforrar uns cartiños ata final de ano.
Xa lles gustaría ós da Renfe sacar unha oferta así: os da Roja non inspiran tanta confianza.
E miraremos de esguello ós do meu país natal, onde xoga o único galego da Eurocopa.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google
Category: Bavaridades, Fúrmbol  | 2 Comments