
Andamos a voltas estes días co de lingua e literatura, que se o sistema literario galego e que se a liberdade artística, etcétera. En poucas culturas coma a nosa se dá esta identificación (ou confusión, para algúns) entre literatura e lingua, e cando esta lingua é o galego, intríncase todo co avance cara a normalización lingüística, o nacionalismo, a memoria histórica, que sei eu. Poñede o Telexornal e xa veredes como sae algún escritor opinando sobre algo, o do Iraq, o cambio climático, sobre todo, mais non fala de literatura. Iso ó Telexornal non lle interesa.
Revisamos a nosa historia filolóxica e literaria desde o Rexurdimento, e Rosalía aparece como a primeira e última literata pura. Só quería facer arte (só? Nada menos!). Outra cousa é a trascendencia ata os nosos días, a súa transliterariedade (existe ese palabro?). Logo vén a figura do literato comprometido, do intelectual escritor, do político das letras, Otero, Curros, Celso Emilio, Risco, e sobre todo Castelao, denunciando coas súas voces xa non o ninguneo cultural e lingüístico, senón toda a inxustiza social da nosa terra. Ata hoxe, con Manolo Rivas e a pancarta de Nunca Máis. Así foi e así tiña que ser. Os escritores non poden ser alleos á sociedade na que viven. O noso Día das Letras, o día da nosa lingua, é o día da nosa literatura e honramos os nosos escritores (ainda que lles esixamos estar mortos e ben mortos, mais ese é outro debate).
Así é que temos unha literatura anormal no seu desenvolvemento, porque tamén era e é anormal a situación de Galiza e o galego. Diferente, porque diferentes son as preocupacións dun escritor francés de Francia en francés cás dun escritor galego en Galicia e en galego. Ó francés poden preocuparlle moitas cousas, mais sabe que os seus bisnetos van seguir a falar francés, e que o seu país, a súa diferencia, a súa cultura, non vai desaparecer. O galego non o ten tan claro, e rebélase. En toda a evolución estilística da literatura occidental tamén temos sona de estar á marxe, á nosa bóla coa nosa loita. Non digo atrasados, e tamén se cadra este illamento é unha esaxeración, non estivemos nunha gurgulla. Mais non nos desviemos.
Pasemos do macro ó micro. O escritor, expremendo o seu maxín. O escritor, namorado da súa lingua, mimando cada palabra, depurando castelanismos, inventando novas expresións, enriquecendo a lingua sen deturpala, namorado de cada reviravolta prosódica, gardián do tesouro máis prezado dun pobo, a súa lingua. Canto hai de verdade nisto, polo menos hoxendía? É o compromiso unha eiva?
Xurxo Borrazás escandalizaba ó personal dicindo que el non facía literatura galega, el fai textos de Xurxo Borrazás. O moi traidor, ¿non sente bulir a savia forte e rexa dos seus devanceiros da tradición literaria galega? Sente, sente, ou non escribiría en galego, senón en castelán. Mais así reivindica a súa individualidade. Só na individualidade hai arte. Bebemos só da tradición literaria galega? Tamén da española, todos temos a chave do bilingüismo, e descubrimos a Cervantes, Borges, Cortázar ou García Márquez en orixinal. Algo bo tiña que ter. E da inglesa, e da polaca, de todas por medio dos idiomas que demos aprendido a chapurrar e ler, e polas traducións. E o cine, a televisión, os cómics, os blogs. Escribir en galego é unha militancia, unha fidelidade a unha cultura e a unhas raigames, militancia que significa pelexar nun mercado non tan gorentoso e pasar moitas penalidades (ainda hoxe teño que ouvir e ler que publicar en galego é moito máis doado que en castelán, manda truco). E malia todo, a maioría dos que comezan a escribir nesta terriña fano en galego, en contraste co decrecemento do número de falantes, por algo será. Mais cando un por un nos enfrontamos ó folio en branco a carallada rematou, e ningún compromiso ideolóxico che vai axudar a sacar un bo texto adiante. É o que quixo dicir Suso de Toro unha vez: hai que escribir en galego como se escribísemos en inglés. Esquecer a lingua que se está a utilizar, polo menos nese intre. Sistema literario galego, si, mais cando menos para min, escribir é un acto ferozmente individual.
Ollo. Hai que escribir ben, hai que coidar a lingua escrita, non sexamos trapalleiros, ou senón o resultado tamén será mediocre. Mais teño claro que me vexo entre o dilema da verosimilitude e a correción da escrita, quedo coa primeira. Poño por exemplo, se narro con personaxes do agro, ou prostitutas do lumpen, ou vendedores de herba ó por menor do meu barrio, non podo poñer saíndo das súas bocas palabras como nembargantes, sobranceiros, grazas e salientables. Non é verosímil, non pega. Non ten porque ser verdade, mais si verosímil. E estes personaxes falarán galego como poidan. E cando non falen, escribirei eu, o narrador, e tamén escribirei doutro xeito. Explicouno Mario Regueira moi ben neste post: “A idea de que os escritores deben ser gardiáns dunha lingua ideal é do século pasado. Os gardiáns da lingua son os seus falantes”. O pobo. Ti.
Por outra banda, visto desde fóra e sen tomar partido, un signo de normalidade cultural son polémicas como esta, con educación e argumentos, sen coiteladas nas costas. Somos un país pequeno, todos nos coñecemos (ben, a min non me coñecen nin na casa), nos cruzamos pola rúa e tampouco é plan de facer moitos enemigos, que nunca se sabe. O respeto e a cortesía son excesivos, e ás veces, falsos. Non viña mal un pouco de punk contra tanta institucionalización caribeña.
Comentarios recentes