
Estou ben ata o carallo de tanta historia chafalleira sobre a Guerra Civil, sexan pelis do Soldado de Salami ou Lápises de Torneiro-fresador, como se non houbese outras cousas que contar, pero como son un home contradictorio, vou contarvos unha. Pero real. Antes contouma a miña tía o pasado día de Nadal e a ela contáralla seu pai, home de poucas palabras, pero xustas. A tía Minita, en troques, conta as historias que dá xenio. Eu farei o que poida.
Ó meu avó, morto de vello hai anos, a sublevación colleuno en edade de quintas, e tras unha breve instrucción mandárono á fronte a pegar tiros a prol do bando Nacional. Vaia por diante que era un home de agro, sen ideoloxías, sopláballa calquera dos dous bandos xa que ningún o axudou nin o axudaría, cando a desfeita cadroulle cos fascistas, e punto. Nin máis nin menos coma todos os que ían con el, galegos, asturianos, estremeños, mortos de frío e cagados de medo pola parte máis brava da guerra: Teruel, Belchite, Castellón.
Andaban polo Aragón cando tomaron unha aldea. Tódolos seus habitantes fuxiran co posto, non quedaba unha rata naquelas vellas casas de pedra, non máis dunha ducia. Foron entrando fusil en man en cada unha confirmando o evidente. O Sarxento, ou o que fose, mandou uns cantos soldados a unha casa máis alta e apartada. Pero Sarxento, aí non hai un alma, Cala e fai o que che digo, xa vos teño dito que o perigo está onde menos se agarda, burricán.
E alá foron uns cantos. Chegaron á casa, que nin porta tiña. Ninguén no andar de abaixo, subiron polas escaleiras renxentes, matinando nese descoñecido perigo sobre o que lles advertiran, cando no dormitorio...
Un berce. E dentro, un bebé, unha meniña de menos dun ano, ben vestidiña e limpa. Non choraba. Miraba para todos, tranquila. Os soldados esqueceron o seu cansazo, fame e medo e o substituíron polo abraio, abraio xeralizado cando baixaron aquel tesouro ó campamento. O médico recoñeceuna, estaba perfectamente, o comandante deu ordes de darlle rancho aparte, aínda que os soldados pasaran (máis) fame. Ninguén chistou. Dos pais, nin rastro, volatilizados co resto da aldea, e ninguén a quen preguntarlle.
O divertido é que a cativiña quedou ó coidado da compañía, e todos aqueles soldados, barbouzáns e embrutecidos de mastigar balas, esfameados, cheirentos e derreados, meu avó tamén, rifaban por tela no colo e facerlle contiños. E a nena, cómoda con todos, adoptada por todos, sempre rideira. Unha insólita tenrura entre toda aquela absurda barbarie, aquela broma pesada.
Un día inevitable chegaron unhas monxas, chamadas polo Sarxento, e levaron a cativa, quen sabe para onde. Dende que apareceu ata que marchou aquela nena sen nome non deitou unha soa bágoa. Pero na despedida non houbo ninguén entre todos aqueles homes que non chorase.
Gustaríame saber que pensaba da lápida da súa igrexa ós
Caídos pola Patria con tódolos nomes dos que morreron da aldea na fronte (por só un dos bandos, claro). Por erro non gravaran na mármore o nome do seu irmán, morto alá, senón o seu propio, Manuel Castiñeira Brenlla. Supoño que encollería os ombreiros porque non lle gustaba lembrar aquilo. Agás unha meniña.
Comentarios recentes