Sentiu as pombas acubilladas contra a súa fiestra rebulir detrás da persiana pechada, tiñan frío, fóra nevaba, el tamén tiña frío. Apalpa pola desordeada mesa de noite na procura do tabaco, non o atopa, un libro cae ó chan, as pombas rebolen. El procura no peto do pantalón e atopa unha caixiña con só dous cigarros, restos do naufraxio de onte noite, e dentro do peto tamén un condón vello, engurrado, nunca usado, sempre levado por se acaso, por se acaso que? Sentou na cama, almofada nas costas, colle o chisqueiro, chisc, chisc, chisqueiro, ó terceiro chisc sae unha feble lapa e acende o veleno. E as pombas durmindo, aínda era noite. Con que soñarán as pombas, ocorréuselle, se cadra con flamantes estatuas, con brillantes calvas vistas cenitalmente, con paquetes de millo torrado ciscado polo chan, con nubeiros, con áticos, con antenas parabólicas como tótems antigos. Pensa nela, pensa en todas que son ela e non chegan selo, pensa que tódolos bicos lle saben a despedida e que tódolos cigarros lle saben a fume valeiro, fume de soños de pomba, ratas do aire. E lembrou o que soñaba, soñaba que durmía apertado contra algo mol e quente, un refuxio, e que afundía a faciana nas súas costas e lambía a súa pel, ese sabor, e choraba sen razón e sen arrepentimento, dándolle todo igual, feliz da súa tristura; ela durmía e non o sentía. Agora por dentro só levaba fume frío e todo lle sabía a neve e a óxido. Atopou o mando do equipo de música, prendeuno sen saber cal disco estaba posto, e soou a súa canción, dela e del. Deixouse levar á valga polas notas e pensou que se cadra lle facía feliz chorar un pouco. Unha soa bágoa lle escoou pola fazula e lle caeu na palma da man, lambeuna e sóubolle a sal dun mar quente mal esquecido, a victoria. Decidido, ergueuse e foi onda ó teléfono da sala, marcou o seu número, ó comeza-lo segundo ton volveu colgar, alertado polo cheiro a chamusco. Voltou divertido ó dormitorio e veuse a si mesmo, dentro da cama, durmido e ardendo vivo, maldito cigarro. Debruzouse véndose morrer e pensou que era un xeito moi estúpido de rematar, tanto unha vida como un soño, sente o bruído das pombas detrás da persiana e acorda. Acorda abrazado coa cara chorosa pegada a unhas costas de muller e ben soubo que ía facer no seguinte espertar, sentar na cama, busca-lo tabaco etcétera, porque os soños das pombas son cíclicos e el non era máis ca un mal durmir de ave nerviosa, acubillada do frío e da neve, sempre soñándose un ó outro a cada lado da persiana, ata o final.










Comentarios recentes