Sábado, Maio 05th, 2012 | Author:

A páxina en branco é onde nace todo, é a metáfora do escritor: o valor é nulo por si mesma, a potencialidade é todo. Non é nada, pode selo todo. E é esa inmensidade de posibilidades a que nos motiva e nos bloquea. Tanto ten que a páxina sexa unha pantalla en branco dun procesador de textos e un cursor escintilando na esquina superior esquerda, agardando, agardando. Agardo ofrecer axiña páxinas emborranchadas, que non son se cadra todo o que deberían ser, pero que serán algo.

Mumford and Sons son un grupo inglés marabilloso. Non, non atopo máis adxectivos, pero coido que este lle abonda. Aquí interpretan a súa particular páxina en branco (White Blank Page) arrodeados por bos amigos: os libros.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Martes, Maio 01st, 2012 | Author:

Non hai ideoloxía que non enarbole como símbolo senlleiro un texto, un libro, uns escritos. O nazismo, tolemia enxendrada pola ignorancia e moi pouco amiga dos libros, tamén ten o seu, o Mein Kampf, A Miña Loita, escrita por Hitler. Escrita é un dicir, posto que llo ditou a Rudolf Hess e Adolfiño desprezaba a escrita, a intelectualidade, a cultura e as artes, algo propio dun feble intelectual e dun artista mediocre, frustrado e resentido. Xa podedes imaxinar de que vai, breves notas autobiográficas e o establecemento das alicerces do seu pensamento (oxímoron), que non é máis ca un odio patolóxico ao xudaísmo e ao comunismo. Eles son os males do mundo e teñen que ser exterminados. Eu non o lin: na miña mesa de noite amoréanse Bolaño, Iolanda Zúñiga, Lobo Antunes e Cortázar, e dubido moito que o malévolo austríaco lles adiante coas súas 400 páxinas de manipulación e xenreira.

Foi escrita na cadea, onde rematou tralo «Putsch» de Múnic, o golpe de estado fracasado que o converteu nun heroe para moitos. É un libro de propaganda para os anos de ascenso do nazismo e previos á chegada deste ao poder, que o converteu en lectura case obrigada durante a ditadura nazi e a guerra, e paso de ser un panfleto mal vendido a imprimirse por millóns.

Trala Guerra e a derrota desta ideoloxía criminal, o libro foi prohibido. A Historia nos amosa o difícil que é prohibir un libro, vetar unhas ideas, mesmo cando os censores son xente benintencionada e os censurados uns abxectos criminosos. Os dereitos de publicación do libelo son propiedade do Estado Libre de Baviera, quen os utilizou de xeito inverso: para non publicar o libro e para impedir que outros o fixeran, con éxito relativo en Alemaña, non tanto fóra dela. A situación legal é confusa en moitos países, da prohibición absoluta por encirramento ao odio racial ata a permisividade coa posesión pero non coa venda, chegando á legalidade total. Como ben se pode supoñer, o libro é publicado, vendido e mercado en moitos países por redes de simpatía neonazi, negacionista do Holocausto e fillos de mala nai en xeral. Isto é o que se tratou de evitar e o que non se acadou. É máis: alimentou o vitimismo destes sectores, por demencial que nos pareza que esta xentalla vaia de vítimas perseguidas polo sistema, a eles funciónalle para gañar adeptos e reafirmarse nas súas posicións.

Estes dereitos de publicación vencen no 2015, e a partir de aí o Goberno de Baviera e o Estado alemán non terán ningún control sobre el: calquera poderá publicalo e vendelo, aínda que me custa imaxinar unha librería xeralista que ouse poñelo nos seus andeis. Polo tanto o Münchner Institut für Zeitgeschichte (Instituto Muniqués de Historia) anda a preparar unha edición histórica do libro (ligazón en portugués,obrigado ao amigo Turonio polo aviso, aquí no SZ en alemán) crítica, comentada e contextualizada. Isto foi criticado (e levado aos tribunais, sen éxito polo de agora) por empregar cartos públicos para diseminar ideas de odio (xa sabemos que o Estado alemán é moi aforrador, sobre todo cos cartos alleos), coa defensa do Instituto de que mellor que a xente nova lle chegue esta edición explicada e comentada que que lle chegue por outras vías.

Paréceme ben o desta edición, dependendo de como se faga, pero atopo aínda mellor de que esta prohibición venza axiña. Non me fai graza atopar tal morralla escrita en calquera libraría, pero imos admitilo: calquera pode acadar un exemplar deste libro cunha busca rápida en Google, de xeito legal, ilegal ou alegal, encadernado con esvásticas ou xa non digamos en formato dixital. Podemos rifar arredor da conveniencia ética desta prohibición, pero non sobre a súa utilidade: nestes tempos de internet, é poñerlle portas ao campo. Non é así como se combaten estas ideas repugnantes e criminais: tiña que ser nas escolas, nas familias, na educación. Pero iso non é tan doado.

Berlín - monumento víctimas nazismo (Neue Wache)

Fonte da primeira imaxe: Wikipedia. Adolf HITLER : Mein Kampf — Mon Combat. Nouvelles Éditions Latines, Paris, 1934. In -8. 688 pp. Photo © Roby le 14 février 2005 (para máis detalles premer na propia imaxe)

Fonte da segunda imaxe: Do meu Flickr (premer na imaxe). Escultura de Käthe Wollwitz na Neue Wache de Berlín, como homenaxe aos caídos por mor do nazismo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Xoves, Abril 05th, 2012 | Author:

Xa ía tempo que un poema non provocaba tanto balbordo, en Alemaña e fóra dela. Günter Grass pasa ben dos oitenta anos, ten un Premio Nobel nas vitrinas e é se cadra o escritor vivo en lingua xermana máis prestixioso. Algo que sempre se pode discutir, e discutir a/con Grass xa vén sendo habitual dende hai anos, polas súas opinións e posturas pouco complacentes, por exemplo, co proceso de reunificación alemana. A súa penúltima polémica foi por admitir que formara parte das Waffen-SS no 44, un corpo militar nazi, e aínda que el se desculpa dicindo que só tiña 17 anos, que o recrutamento fora forzoso e que «non pegara un só tiro», o caso é que o ocultou durante seis décadas.

Pero iso foi a penúltima. A última foi a do seu poema no prestixioso xornal muniqués Süddeutsche Zeitung, que podedes atopar aquí en español (no País) e aquí o orixinal do SZ, co título de O que ten que ser dito (Was gesagt werden muss). Os feitos: Alemaña vendeulle un submarino nuclear ao estado de Israel co gallo do seu conflito con Irán, e Grass censura tanto o papel de Israel como a complicidade do seu propio país, e reclama no remate un control internacional neutral sobre as instalacións nucleares, de Israel e Irán.

O poema non admite ningunha lectura crítica lírica nin literaria. É un artigo de opinión disfrazado de poema, unha expresión das opinións de Grass, máis como espectador neutral que dispón de tanta información sobre o conflicto coma ti e coma min que unha análise xornalística e política seria, de aí ese disfraz de poema. Grass non quere debatir, quere reflexionar e convidar ao debate, se cadra non moi habilmente. Pero é imposible entrar neste tema e non saír saloucado («Antisemitismo é o veredicto«, reza un verso, prevendo os paus que lle van chover),  todo o que arrodea ao Estado de Israel, incluído o seu misterioso programa nuclear, é tabú, e criticalo é criticar aos xudeus. A réplica vén dada na man: é moi doado imaxinarse ao autor con uniforme e unha esvástica no brazo no 44, e el sábeo.

Pero por que calei tanto tempo?
Porque pensaba que polo meu pasado,
non falto de manchas,
me prohibía pronunciarme sobre esta verdade 
sobre o país de Israel, ó que estou vencellado
e ó que quero seguilo estando.

(…)

O plan atómico de Israel ameaza

unha paz xa de por si crebadiza.

Non vou criticar eu a Grass, un personaxe de infinitas aristas e contradicións, nin ao seu texto, deliberadamente simplista (despacha a Ahmadineyad como un lerchán, sen máis) nin ás políticas sionistas israelís nin á tolemia do rexime teocrático de Irán. Pero si critico as censuras case unánimes que está recibindo da clase política, covarde e conformista, e da cultural, que lla teñen xurada a Grass dende hai tempo. O ton do texto, ben o leredes, non é nin furibundo nin anoxado, senón case melodramático e conciliador. Pero se o ledes, xa fixestes máis que os políticos alemáns que se levan as mans á cabeza, que de certo que non pasaron da primeira estanza. Na última convida a ese control nuclear, como última saída.

Só así se lles pode axudar a israelitas e palestinos
e a tódalas xentes
desta rexión rexida pola tolemia
de vivir enemizados uns cos outros
e así, últimamente, axudarnos a nós mesmos.

Mirándoo polo lado bo, xa ía tempo que un poema non metía tanto barullo. Aínda que non sexa un poema.

Engadido: Atopo vía Kaplan/Reincidente este fermoso vídeo que ten que ver con esta escalada de odio e estupidez. Tiña que engadilo aquí.

 

Fonte da imaxe: aquí. Non sei se podo reproducilo, pero é a foto dun xornal na que sacan a imaxe doutro xornal, así que non sei…

Chuzame! A Facebook A Twitter
Luns, Febreiro 20th, 2012 | Author:

Angela ten unha grande virtude: ten unha idea clara para Europa, non só para o seu propio país. Outra cousa é que gostemos dela. E tamén ten un defecto enorme: as dificultades de moitos países europeos déronlle a pensar que esa idea súa non só é a mellor, senón que é a única (aforro e déficit cero) e hai que impoñela ós demáis custe o que custe. Mal asunto o de ir a casas alleas a facer a proba do algodón cando na túa tes tantas porcalladas por varrer. Porque estase a dar a imaxe de Alemaña como unha locomotora perfecta baixo o liderado incuestionable da Merkel, e non é así. Na anterior lexislatura gobernou cunha coalición «multicolor» producto dun electorado fragmentado, e nesta faino coa axuda do FDP, o Partido Liberal que se está diluíndo no aire en tódalas eleccións estatais (autonómicas), comicios onde o partido conservador de Angela (CDU) non leva ultimamente máis ca desgustos, entre disensións internas, enfrontamentos coa división bávara do seu partido (CSU), o caso Gutenberg (remember), etc., etc., apoiada sempre por uns números macroeconómicos, iso si, brillantes, pero uns microeconómicos (desigualdades, minijobs, empregos lixo) máis cuestionables. Por non falar de propoñer aforro e máis aforro aos cidadáns da UE, os principais clientes das exportacións alemanas. É como ter un bar e dar a brasa ós parroquianos con que o alcohol é malísimo. Ela saberá.

E iso lévanos ó tema do Bundespräsident, o Presidente Federal. Xa falaramos dese cargo aquí, unha sorte de Xefe de Estado de funcións máis representativas ca executivas e que se supón que é un personaxe de unión e consenso entre os demócratas. Coma o Rei en España (risas enlatadas). O caso é que nunca demitira ningún na histora desta República e en ano e medio e pico xa levamos dúas escorrentadas. Da primeira, o Horst Köhler do que xa falaramos, que liscou medio sorpresivamente por coherencia política. Co papelón de elexir un novo Presidente Angela tiña dúas opcións: aceptar un candidato de consenso, o proposto pola oposición, Joachim Gauck (conservador, relixioso e activista dos dereitos humanos nos tempos da RDA, apoiado pola opinión pública pero non da corda actual da CDU) ou poñer «un colega». Quixo impoñer e impuxo ó seu candidato, Christian Wulff, ó terceiro intento e desgastando a súa feble coalición de goberno. Xa sabemos que Angela é, digamos, tenaz. Pero o prezo foi alto.

O diario sensacionalista Bild destapou condutas do novo Presidente Wulff pouco edificantes: acadou empréstimos grazas ós seus cargos políticos, alternaba con millonarios e hospedábase en hoteis de luxo que pagaban outros… A nós parecenos chocante, porque ó Presidente se lle penduran chatas éticas pero nin moito menos indicios de delito, afeitos nós a Urdangarins, Fabras, Camps ou, que carallo, a dinastía Baltar, King of the Kings da Trapallada. Pero Alemaña non é Ourense e esas cousas sentan fatal. E fan ben. O peor foi oír a un Bundespräsident, cargo de consenso e paz apartidista etc. etc. deixar unha mensaxe ameazante e macarra no buzón de voz dun xornalista de Bild.

Resumindo, Köhler demitiu, pero a Wulff, que fora metido con calzador pola Merkel, houbo que «demitilo». Agora Angela pasará polo aro e Gauck será o novo Presidente, deixando unha sensación de que todo este sarillo podería terse evitado ó seu tempo. Como di o proverbio, as árbores grosas e rexas son tronzadas polos furacáns, pero os delgados e flexibles vimbios resisten. Flexibilidade, e non só no mercado laboral, Frau Merkel. E recurtar si, pero a arrogancia. Que non todo é culpa dos gregos.

Recomendamos unha análise completa do tema no artigo de Miguel Ángel García. Na imaxe, un cidadán protesta contra a situación da Presidencia e apoia a Gauck (Fonte: news.de)

Chuzame! A Facebook A Twitter
Venres, Febreiro 10th, 2012 | Author:

Paisaxe típico a carón da miña casa.

Río Regen conxelado - Frozen river Regen (IV)

Non é unha estrada nin un val nin unha chousa. É un río. O Regen, afluente do Danubio que me pasa pola porta da casa, como quen di. Unha grosa capa de xeo por mor das temperaturas destes días, rebozada por neve recente de calidade po. E non é un regato, precisamente, aquí a pinta que ten en épocas máis benignas.

Río Regen conxelado - Frozen river Regen (III)

Paxaros sen identificar báñanse aterecidos nun pequeno meaño que aínda non se solidificou. O inverno foi relativamente benigno, pero tal como alá Febreiro veu rabudo e con temperaturas extremas. Esta noite estamos a -16º, e disque chegamos hai uns días a -20º. Nas montañas, non lonxe, como imaxinaredes, é moito peor. Pero está todo ben bonito. Hai que ser positivo.

Río Regen conxelado - Frozen river Regen (I)

Chuzame! A Facebook A Twitter
Mércores, Febreiro 01st, 2012 | Author:

Crise

Estiven este Nadal pola Coruña, a cidade dos múltiplos centros comerciais e ex-cidade do carril bus, branco das iras dos pequenos comerciantes, que ben saben quen lles amola o negocio. Un Nadal de crise, palabra que disque é a mesma en chinés que a de «cambio». Pero nin isto é China nin se albisca o cambio por ningures.

Non son sociólogo e non fun alí facer unha avaliación económica nin social, Marx me arrede. Pero non hai que ser sociólogo nin economista para saber que a xente está fodida. Non vou buscar eufemismos. Está fodida de espírito e de ánimo, porque está fodida en tódolos demais eidos e vertentes. E eu, así a brocha grosa, enxergo dous eixos principais deste fodedismo xeral dos coruñeses, galegos e españistanís: a indignación e a depresión.

A xente está indignada, que é con razón a palabra de moda. Está encabuxada, anoxada, carraxuda. É un cabreo que nace antes que buscar as súas razóns, un enfado maiúsculo contra todo e contra todos. E xa lle era hora. Motivos sobran, outra cousa é que saia algo positivo diso. Á fin, e se cadra é tarde de máis, é unha indignación que non se vai pasar tomando uns cortos no bar cos amigos. E brindo por iso.

Pero o que máis me rechama é a depresión. O galego está na cama, non quere abrir as fiestras e que entre o sol, non quere erguerse por se recibe unha labazada máis. Non quere facer nada nin buscar solucións, e critica ós que queren facer algo diferente ou non tan diferente, sinxelamente ALGO. E falo de política e falo de arte e falo de literatura e de economía. Os políticos saen ó estrado e repiten, os xornais saen á rúa (non todos) e fan eco: que ninguén faga nada, que a cousa está fodida, que ninguén gaste, invista, tome iniciativas, se arrisque, que ninguén se erga da cama, quedade onde estades que aquí xa estamos nós para organizar a depresión, a laiarnos pola herdanza que nos deixaron os «outros» (eles e os «outros» son os mesmos, pero iso non o din), quedade aí, aforrando o que non tedes, que nós xa estamos aquí. Tampouco imos facer nada, non vos enganedes, pero somos os máis axeitados para ficar quedos e ver pasar a treboada. Pero a treboada non vai pasar, porque a economía española non é que estea en crise, é que non existe. Houbo burbulla e pelotazo, hai un sector primario malvendido, unha industria precaria e maltratada e un sector servicios inflamado e enfermo, a vender cousas que a xente non pode pagar e a dar emprego precario e sumiso.

Isto é o que hai, e de pouco vale mirar para outro lado ou tentalo cunha man de pintura. Podemos mirar por cambialo todo ou seguir escoitando a herba medrar. E (volve agora a indignación) podemos acusar con moita razón aos políticos, pero non nos enganemos, isto permitímolo nós. Pero insisto, a min o que me preocupa é esta depresión, esta abulia, ese encoller os ombreiros. Hai que facer cousas. Hai que abrir negocios aínda que nos chamen cabeciñas tolas, hai que publicar e ler libros, hai que seguir loitando polos servizos sociais que nos quedan, a educación, a sanidade, a investigación, a cultura, a lingua. Non creades ós que vos digan que quededes na cama, sairanvos chagas. Se vos enganaron e se trabucaron antes, por que escoitalos agora? Abride a fiestra. Respirade.

Mark Knopfler «adicoulle» esta peza «Imelda» a Imelda Marcos, esposa do ditador filipino Ferdinand Marcos, co que amasou unha grande fortuna espremendo e explotando ao pobo que dicían servir. Cando os botaron e liscaron, atoparon nos aposentos de Imelda mil e pico de pares de zapatos, e ningún precisamente dos barateiros.

«All the poor people saying that they gotta quit paying for you»

Toda a pobre xente está dicindo que van parar de pagar por ti.

E igual si, igual xa pagamos zapatos dabondo.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Sábado, Decembro 24th, 2011 | Author:

Pois iso, que cando leades isto estarei pululando pola terriña, para o que necesitedes.

Felices Festas a todos, e que as compartades con quen máis queredes. Mesmo co tío gordo raro aquel, o que viste de vermello.

sketchy santa fails - Like a Shark, Santa is Just as Scared as You
see more Sketchy Santas


«- Deixeiche o agasallo debaixo da árbore, pero daquela comezo a nevar… cava lixeiro, é un poni.»

Os dous últimos, cortesía da xenial páxina Nichtlustig de Joscha Sauer. A fonte das tres imaxes, clicando nelas.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Mércores, Decembro 21st, 2011 | Author:

Nestes últimos días ando un pouco pesado co do premio en Arxentina, seino. Pero xa toca á súa fin, digo o autobombo pola miña parte, porque a ledicia aínda dura. A entrega de premios foi un éxito segundo contan as crónicas, a entrevista na radio moi pracenteira e o relato sairá publicado a primeiros de ano no Diario Galicia da comunidade galega en Arxentina.

Pero falta o culpable de todas estas atencións: o relato. É el quen as merece, non eu. Dá un pouco de vergoña exhibilo así, porque conto dabondo da miña vida, pero penso que lle debo de dar a oportunidade de lelo a quen queira. Non ten sentido escribir se non é lido, polo menos non sempre. Así que o pendurei de Redelibros, que ten pólas fortes que aturan de nevaradas bávaras e temporais galegos. Agardo que vos guste e faríame feliz a vosa opinión en comentarios (aquí, en Redelibros ou acolá por calquera outro medio).

Que vos preste.

O relato: Sobre maletas

Chuzame! A Facebook A Twitter
Sábado, Decembro 17th, 2011 | Author:

Parece que o relato «Sobre maletas» quere seguir viaxando e que está a gusto en Bos Aires. Mañá serei entrevistado no programa «Galiza Emigrante» da Radio Argentina, e falaremos de contos, de emigración e de contos de emigración e o do que se nos vaia ocorrendo.

Será ás 11 hora arxentina, ás 15h en Europa occidental, sen contar as illas británicas e Canarias e Azores. En Bos Aires pódese escoitar na AM 750 e en todas partes na súa páxina web. Dito queda. Estou cunha boa mormeira e falarei con voz gangosa e nasal, risas garantidas.

Por outra banda, as crónicas, subxetivas e emocionais e por tanto fiables, din que o acto de entrega de premios do pasado venres foi un éxito. Outra vez grazas á organización, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, en especial a María Emilia Cebeiro e o meu Óscar García, o meu embaixador-representante no Río da Prata.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Luns, Decembro 12th, 2011 | Author:

Compráceme dicir que o relato «Sobre maletas», perpetrado por este que escribe, foi galardoado co primeiro premio do Certamen Literario de Narrativa Breve 90º aniversario outorgado pola Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (ligazón á nova na súa páxina). O tema era «Vivencias da emigración galega».

A satisfacción é doble. A primeira, como en todos os premios literarios, a ledicia de acadar un recoñecemento pola túa escrita, polo teu traballo tantas veces subterráneo e non lido. A segunda, o que fai este galardón tan especial para min, era o tema escollido, algo que me toca tan de perto pola historia dos meus pais, da miña familia e da miña propia, historias que se viron reflectidos no meu pequeno relato, do cal agardo que sexa o embrión dun proxecto máis longo. Agardo que poidades ler o contiño axiña, dun xeito ou outro.

Que todo sexa para non perder a ilusión da escrita. Escribir para seguir escribindo, seguir lendo. Mentres haxa palabras en galego non deixarei Galicia.

E por suposto, vaia aquí o meu agradecemento á organización do premio, non só por esta distinción, senón pola súa amabilidade e eficiencia.

O acto será o venres vindeiro en Bos Aires, ó evidentemente non poderei  asistir en persoa, pero si un pouco «virtualmente». Se algún está a ler isto desde as proximidades do Río da Prata e desexa asistir, a entrada é libre e o enderezo e hora constan na ligazón que deixei máis arriba.

El "paisanu les maletes" tiene frío

 A famosa escultura de Úrculo en Oviedo «O Regreso de William B. Arrensberg», tamén coñecida como «el paisanu les maletes». A imaxe é do Flickr de Miguel Vera (Niño Pera) baixo licencia Creative Commons (Ver detalles)



Posted from Buenos Aires, Capital Federal, Argentina.

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp